O BNG de Narón presenta unha moción para o seu debate no pleno de Novembro, onde solicita ao goberno municipal que inste á Xunta de Galiza á reparación de distintas eivas que presenta o edificio do IES Terra de Trasancos, un dos institutos de Narón ao consideralas de “carácter maior”.
Desde o BNG de Narón instan ao goberno municipal a que solicite á Xunta de Galiza un informe completo das deficiencias que presenta o IES Terra de Trasancos e que se proceda ao seu arranxo; ao mesmo tempo reclaman que as obras de carácter maior a respecto do cambio da rede de tubaxes e á reparación integral do tellado teñan orzamento inmediato.
“A rede de tubaxes chegou ao fin da súa vida”, tal e como din os profesionais que pasan a miúdo polo centro a arranxar as fugas que se producen na mesma, provocando que este curso non se puidesen usar os baños varios días por non ter subministro de auga. O teito ten que ser tellado de novo, hoxe o perigo de pingueiras é unha constante e algo que supón un grave perigo coa consecuencia de que os seus desprendementos, cando cheguen os ventos, poidan provocar lesión persoais.
“É vergoñento o estado no que se atopan a maioría dos centros escolares do país dependentes da Consellería de Educación da Xunta de Galiza, e aínda peor nos parece que en Narón non se salve ningún centro escolar agás o da Gándara que, despois da pelexa da ANPA e de que o BNG o levase ao Parlamento en diferentes ocasións conseguiuse dotalo dun orzamento. Queremos o mesmo e para o IES de Trasancos e con carácter urxente”, indica Olaia Ledo, portavoz municipal.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
