O BNG censura «o pacto de silencio» de PSOE, PP e FeC sobre o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no Concello de Ferrol, lamenta o voto en contra de Ferrol en Común, do Partido Popular e do Partido Socialista á proposta nacionalista para que o Concello de Ferrol conmemorase o 50 aniversario da loita obreira de marzo do 72 en Ferrol e a negativa a declarar o vindeiro ano com “Ano do Día da Clase Obreira Galega”.

Salientou que resulta «curiosa a coincidencia ideolóxica» das tres organizacións políticas que se posicionaron en contra desta proposta. «É unha lástima que co seu voto impidan que o Concello de Ferrol lembre os feitos do 10 de marzo en Ferrol e o seu significado colectivo na Galiza de defensa da democracia e de emancipación da clase traballadora galega.«

Para o BNG, FeC, PP e PSOE «pretenden dulcificar o acontecido e consideran que o Concello non debe asumir un papel significativo co obxecto de lembrar aquela loita igual que se negan a censurar o papel que o Estado decidiu atribuírlle á nosa cidade. Unha cidade que sofre desde hai anos a actitude indolente de gobernos dese mesmo Estado que teñen desmantelado os nosos sectores produtivos sen ofrecer unha mínima e pequena alternativa para a situación que estamos a vivir nesta cidade desde hai décadas.«

Rivas censurou o «pacto de silencio» entre as tres forzas estatais que teñen presenza no pleno municipal e a súa oposición a proposta do BNG «sen presentar unha so alternativa por parte de ningún deles a piques de comezar o ano 2022.«

Para o portavoz nacionalista é «significativo que diante dunha proposta inclusiva como a do BNG o resto de grupos non optasen pola abstención e se posicionasen en conxunto en contra desta proposta sen propoñer nada.«

Iván Rivas considera que «non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas«. E non dubidou en afirmar que o que aconteceu onte no pleno coa proposta do BNG «é moi triste«.

O BNG considera que «terán que ser estas tres organizacións políticas» quen expliquen o seu voto en contra a unha iniciativa que ademais de buscar o recoñecemento oficial do Concello a esta efeméride durante o vindeiro ano procuraba espallala entre a cidadanía propondo a elaboración e desenvolvemento dun calendario de actividades: exposicións, conferencias, cursos ao longo do ano 2022. Estableecer un galardón: “Premio Día da Clase Obreira Galega” co que premiar a persoas ou colectivos significados na defensa dos traballadores e traballadoras galegas e os seus dereitos, ou a elaboración dunha unidade didáctica sobre o 10 de marzo de 1972 e o “Día da Clase Obreira Galega” para a súa distribución nos centros de ensino da cidade e da comarca.

A tráxica data, o 10 de marzo, as folgas de Vigo desde mesmo mes e o asasinato posterior de Moncho Reboiras en Ferrol «foron o xerme doloroso do sindicalismo galego actual e demostran a dignidade e loita do pobo galego contra o réxime franquista que foi fortemente represor desde os seus inicios até o seu fin. A conmemoración deste feito non debe converterse nun muro das lamentacións e debera ser máis ben uns actos de recoñecemento e posta en valor da loita dos traballadores e traballadoras galegas para combater a precariedade e a pobreza«.

Lea también

Este viernes se puso en servicio un nuevo tramo de la Avenida de As Pías

El Delegado del Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, supervisó en la mañana de este viernes, …