O Concello de Narón acolleu o xoves, día 29 de outubro ás 19.00 horas, o pleno ordinario de finais de mes, no que Terra Galega, PSOE e BNG aprobaron unha moción para instar á Xunta a incluír nos seus orzamentos do vindeiro ano unha serie de investimentos na cidade.
Entre eles, tal e como se recolle no documento, está a construción dun Centro Integral de Atención ás Persoas Maiores e un Centro Integrado de Formación Profesional no que se impartan familias profesionais que non se oferten na comarca e a materialización dun plan de investimentos en melloras nos centros de ensino públicos de Narón.
Así mesmo, dende TEGA, PSOE e BNG reclámase a inclusión nos orzamentos autonómicos dunha partida para proceder a renovar as beirarrúas da estrada de Cedeira, para solventar os problemas de paso e acesibilidade detectados en varios puntos do treito do primeiro quilómetro por ambas marxes.
Entre as demandas dos tres grupos políticos están tamén un plan de investimentos para o mantemento e reparación das vías públicas que son titularidade da Xunta no Concello, un novo centro de educación Infantil e Primaria no Alto e a xestión das escolas infantís municipais por parte da Xunta, tendo en conta que esta educación é competencia do goberno autonómico.
Os portavoces dos tres grupos que presentaron a moción amosaron a súa sorpresa polo feito de que os populares se abstivesen na votación aínda recoñecendo o voceiro popular na sesión que creía que “Narón necesita máis investimentos”.
No pleno saíu adiante a proposta de aprobación do Plan Normativo 2022, un trámite preciso para sometelo a aprobación plenaria antes do 31 de outubro deste ano. No documento recolleranse as propostas regulamentarias que está previsto aprobar: o Regulamento da caixa municipal de garantías e depósitos do Concello de Narón, a modificación da actual ordenanza reguladora do procedemento de intervención administrativa na execución de obras e no exercicio de actividades e servizos no termo municipal de Narón; a modificación da ordenanza reguladora da administración electrónica do Concello e a modificación da ordenanza de rotulación de vías urbanas, diseminadas e numeración de edificios do Concello, tal e como se contempla no documento.
A corporación acordou por unanimidade nomear ó historiador municipal Andrés Pena Graña, recentemente xubilado, como “Historiador honorífico de Narón”, en recoñecemento á “elevadísima calidade da súa labor científica como historiador, arqueólogo e arquiveiro desta administración local, así como da trascendencia dos traballos de investigación documental e a propia redacción da afamada triloxía “Narón, un concello con historia de seu”, que veu a supor un fito no coñecemento e na difusión da nosa riqueza etnográfica e histórica”.
A corporación local valora a labor histórica, literaria e de investigación de Pena Graña con este recoñecemento, que tamén lle permitirá acceder aos medios e canles municipais precisos para proseguir coas tarefas de difusión da súa labor a prol deste municipio, particularmente a través do blog: oarqueologodenaron.com. O Concello convocará un acto público no que a alcaldesa lle fará entrega dun diploma no que constará esta resolución.
Portavoces dos grupos políticos e a propia alcaldesa, Marián Ferreiro, adicaron unhas palabras a Pena Graña, destacando a importancia do traballo que realizou e a súa profesionalidade.
No apartado de mocións aprobouse tamén a presentada polos grupos municipais de TEGA, PSOE e BNG en defensa da sanidade pública, co fin de esixir ó Sergas a recuperación da accesibilidade ós centros asistenciais e unha atención cen por cento presencial, o incremento do cadro de persoal nos centros de saúde de Galicia e repoñer a xerencia de Atención Primaria que suprimiron no seu día.