O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentou na mañá deste xoves no Concello o programa formativo “Adiante Narón”, unha iniciativa que, tal e como indicou, aposta por “actuar na cidade e na súa área de influencia como un catalizador e potencializador de iniciativas emprendedoras e de autoemprego como alternativa ás opcións que ofrece o actual mercado laboral”. O edil subliñou que se trata “dun programa pioneiro en Galicia a través do que se aplicará un modelo de emprendemento internacional”.
O programa diríxese a un total de 15 persoas, tendo preferencia as veciñas e veciños de Narón, co fin de proporcionar una atención máis personalizada, dinámica e participativa. O Pazo da Cultura é o lugar no que se impartirán, a cargo de diferentes profesionais, os catorce módulos –de tres horas de duración cada un, en tódolos casos de 10.00 a 13.00 horas- dos que consta “Adiante Narón”.
Pita avanzou que no primeiro bloque, sobre “Detección de oportunidades e pilares do proxecto”, impartiranse no mes de novembro os módulos de: Estratexia, detección e dimensionamento de oportunidades –día 3-; Análise do entorno xeral e específico –día 10- e o de Proceso de “design thinking” e produto mínimo viable –día 11-.
A continuación, en novembro comezará o bloque 2, sobre “Estratexia e dirección comercial”, no que se impartirán os módulos de: Modelos de negocio e proposta de valor –día 12-; Proposta de valor II –día 17-; Construción de marca –día 19-; Determinación do prezo -24-; e Definición das canles de distribución –día 26-, para continuar este mesmo bloque en decembro cos módulos de Marketing dixital –día 1- e Marketing dixital II –día 3-.
A formación de decembro continuará con outros dous bloques, o terceiro, sobre “Análise de viabilidade e proxeccións económico/financieiras”, con módulos de Análise viabilidade I e II –días 9 e 10- para traballar sobre números e definir obxectivos e medición respectivamente.
O último bloque, o cuarto, será sobre “Aspectos legais e fiscais”, cun módulo sobre sociedades (proceso de constitución, tipos e características) -15 de decembro- e outro sobre Propiedade intelectual (impostos máis relevantes, subvencións e axudas públicas) –17 de decembro-.
“Consideramos que é un programa moi completo e ben avalado, apropiado para este concello, dende donde sempre traballamos nesta liña co sector”, asegurou Pita, que amosou a súa confianza en que “de aquí poidan saír unha gran cantidade de proxectos que teñan un próspero desenvolvemento, coa creación de emprego na cidade e no resto da comarca”.
O edil incidiu na necesidade de xerar un emprendemento “viable e sostible no tempo”, subliñando que unha das claves para acadar este obxectivo é a formación aos emprendedores e emprendedoras. O programa “Adiante Narón” baséase no adoptado polo G-20, co fin de garantir unha formación “útil, real e orientada a cubrir as necesidades e inquedanzas dos participantes”.
Todas aquelas persoas interesadas en participar poden obter máis información e anotarse a través do seguinte enlace: https://efbs.hubspotpagebuilder.com/m%C3%A1ter-lean-0-1.