O Concello de Neda acollerá o xoves día 30 ás 19 h na Casa da Cultura a actividade «Súbete ao galego» na que se proxectará o documental «Barullo» e na que participará o seu autor, Xosé Antón Bocixa, un dos veteranos do panorama musical galego coñecido como vocalista do grupo Zënzar, videoxornalista, creador de diversos documentais e activista social na defensa do territorio, a cultura e a lingua propia.
E contaremos tamén con Pepe Cunha, outro dinamizador pero neste caso da nosa comarca, creador do programa «Ábrete de orellas» premiado en dúas ocasións na categoría de comunicación dos Premios Martín Códax da Música. É tamén divulgador da nosa música en todo tipo de formatos que van desde o libro «Guadi Galego Pola beira da canción» ata a exposición «CantáMOLA en galego!», pasando por diversos artigos e colaboracións.
As persoas interesadas en tomar parte deben reservar a súa praza chamando ó 981 39 02 33 a partir do luns 27 de setembro, en horario de 9 a 13 h e de 16 a 20 h.
Con esta e outras iniciativas, os concellos da Mancomunidade celebran o Día do orgullo neofalante, no que se conmemora o nacemento de Andrés do Barro o 1 de outubro de 1947 e se anima ás persoas que por distintos motivos non usan o galego (ou non o usan en determinados ámbitos) a comezar a usalo.
A traxectoria desta iniciativa remóntase a 2014, pero ata agora non se incidira nela na nosa comarca, a pesar de asociarse a unha figura tan relevante nos concellos da Mancomunidade.
Esta actividade está organizada polo Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, subvencionado pola Deputación da Coruña e no que participan os concellos de Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño.
Tamén colaboran os Servizos de Normalización Lingüística dos concellos de Cedeira, Fene, Ferrol e Narón.
A actividade pretende impulsar o documental «Barullo» para o seu uso nos centros de ensino, asociacións e diversas entidades coa intención de difundir o momento que está a vivir a música galega como motor de dinamización do uso do galego.
Esta idea entronca nesta comarca coa figura de Andrés do Barro, que levou o galego ós grandes éxitos demostrando así o valor de universalidade, utilidade e vitalidade da nosa lingua.