A alcaldesa Marián Ferreiro e a concelleira de Formación, Natalia Hermida, e persoal técnico do Concello, reuníronse esta mañá no consistorio con Enrique Mallón Otero, secretario xeral de ASIME (Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías asociadas), e representantes de empresas do sector, presentes na nosa comarca: Diego Méndez Río de NEOSIC – Grupo Nervión, Soraya Romero Díaz de GALICTIO, e Ricardo Moral Rodríguez de KAEFER.
Un dos obxectivos fundamentais foi informar e sensibilizar ás persoas desempregadas sobre unha grande posibilidade de inserción laboral nesta profesión para a que é necesaria unha formación previa que o Concello de Narón ten previsto impartir ao convocar a 2ª edición do Curso de montaxe de estadas multidireccionais.
Concello organiza dito curso co obxectivo principal da inserción laboral das nosas persoas desempregadas, considerando ademáis como características salientables as seguintes:
É unha iniciativa innovadora desde a perspectiva de que ningún centro educativo, entidade formativa ou administración estaba a facer este tipo de formación. Eran as empresas as que tiñan que formar ó seu persoal.
É un curso cun contido moi práctico e relativamente curto (100 horas) xa que nun mes o alumnado dispón dun diploma valorado polas empresas do sector. Para realizalo non se precisa dun nivel educativo ou formativo previo. O perfil profesional desta ocupación non é esixente e incluso se está a contratar con referencias de idade moi amplas.
Tamén é unha circunstancia salientable que contamos na nosa comarca con 4 empresas fortes deste sector de actividade. Para o Concello era importante que para a adxudicación deste contrato de Servizos se presentaran empresas con experiencia e que ofreceran calidade, e así foi. O contido do curso, no que prima a prevención de riscos e a seguridade, foi asesorado por Soraya Romero Díaz, directora de RRHH da empresa GALICTIO.
A previsión é facer outro curso máis este ano, que convocaremos en setembro, e nos vindeiros anos 2022 e 2023, continuar cun curso cada ano. O Concello ve a necesidade de achegar a información ás persoas desempregadas sobre a gran posibilidade de inserción laboral e por elo invitamos ás empresas e a ASIME para visibilizar a demanda existente desta profesión.
Os representantes das empresas e de ASIME valoraron esta formación promovida polo Concello incidindo nunha cultura preventiva previa para as persoas que accederán ao mercado laboral e manifestaron o seu interese e apoio para visibilizar e concienciar sobre moitos aspectos positivos nesta profesión, na necesidade de acadar este perfil profesional, e remarcaron que a profesionalización deste sector nos últimos anos equipara esta profesión a calquera outra do sector industrial destacando a súa transversalidade.
Promover asi mesmo o contacto entre as persoas demandantes de emprego e as empresas é outro dos obxectivos importantes a acadar. Agradeceron ao Concello en xeral e á alcaldesa, Marián Ferreiro, en particular, o esforzo na interlocución
A alcaldesa, Marián Ferreiro, agradeceu a implicación de ASIME e das empresas pola súa presenza nesta convocatoria informativa e divulgativa, xa que co séu apoio adquire unha visibilización e un eco social especialmente positivo nas persoas que están á procura de emprego. Ferreiro reiterou o apoio do Concello ás accións encamiñadas a favorecer a inserción no mercado laboral das persoas desempregadas promovendo e facilitando a formación precisa a través de cursos que sexan obxecto de demanda das empresas para diversos perfís profesionais.