O presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL), Eduardo Maragoto, entregoulle simbolicamente este mediodía a Secundino García o dominio web sansadurninho.gal, que nos próximos días se activará como enderezo secundario de acceso á web institucional do Concello.
A asociación doou o dominio co dígrafo NH como xesto a prol do seu uso como alternativa ao “ñ”, pero tamén como maneira de mellorar a accesibilidade ao sitio web respectando a pronuncia do nome do municipio. San Sadurniño é o primeiro Concello en sumarse á campaña da AGAL, que tamén promove o uso do dígrafo en redes sociais.
Tal e como apunta a entidade, nos últimos tempos o NH está a ser usado non só en textos reintegracionistas, senon tamén «por quen pensa que o galego debe dialogar doutra forma co mundo lusófono». Segundo a AGAL, o filme María Solinha, de Ignacio Vilar -proxectado o verán pasado na Cortiña-, a Muinheira de Interior, de Boyanka Kostova, ou o libro A viaxe culinaria de Kukinhas puxeron de relevo esta tendencia «que tamén avanza nos dominios da Internet, enderezos electrónicos ou nomes de persoa usuaria en Twitter»
Nos casos relacionados dalgún xeito coa navegación por internet -correos electrónicos, dominios, nomes en redes sociais- en que o uso do Ñ dá complicacións, o «uso do NH acaba por ser a única forma de conseguir que sexan lidos correctamente. De feito, se en vez diso usamos o N, ás veces acaba sendo confuso para quen non coñeza a palabra, como ocorre con www.morana.org, www.manon.es ou incluso sansadurnino.gal» apunta a entidade.
Ademais, o emprego do NH como identificador tamén permite que os sitios «cheguen máis lonxe», en referencia a que noutros países non é habitual que os teclados de ordenadores e moutros dispositivos teñan o Ñ configurado por defecto.
Por iso, a AGAL está a ofrecerlles aos concellos a posibilidade de usar eses dominios con nh, como ocorrerá desde dentro duns días con www.sansadurninho.gal. Neste sentido a asociación encargouse de todas as xestións previas para obter, financiar e manter o dominio durante polo menos un ano. San Sadurniño é o primeiro municipio galego que apoia a iniciativa.
Tarefas de mantemento na web
En relación coa web municipal a alcaldía informou tamén hoxe que durante esta fin de semana se van levar a cabo labores de mantemento dos servidores e de actualización do software PHP, que poderían supor interrupcións no acceso.
Os traballos desenvolveranse de maneira automatizada desde esta medianoite, co obxectivo de que a web estea plenamente operativa ao longo do sábado ou primeiras horas do domingo.