Os gañadores do certame Carmela Loureiro recibiron os galardóns no Centro Torrente Ballester

Entrega dos premios do certame Carmela Loureiro 2021 | Concello de Ferrol

O patio do Centro Torrente Ballester acolleu na mañá deste sábado a cerimonia de entrega de premios do certame literario Carmela Loureiro, que este ano acadou a súa sétima edición. O acto estivo presidido polo alcalde, Ángel Mato, quen invitou a todos os participantes, aos que agradeceu o seu compromiso coa literatura, a continuar escribindo. Mesmo nun ano marcado pola pandemia, “o certame segue a reunir talento e ilusión”, destacou o rexedor ferrolán, para o que a entrega de 12 accesits ademais dos 9 premios denota a gran calidade dos microrrelatos, micropoemas e pezas de microteatro que optaron aos galardóns. “Da gusto comprobar canto talento, canto traballo, canto esforzo hai aquí e canto futuro temos”, concluíu.

Pola súa banda, a concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados, animou á mocidade a seguir presentando os seus traballos “en todos os concursos que defendan a lingua galega” e trasladoulles aos participantes parabéns “polo seu desempeño” e pola calidade dos seus textos. Tamén participaron na entrega os concelleiros Martina Aneiros, do grupo do PP; Jesús Basterrechea, do de FeC, e María do Mar López, do BNG.

Os premiados

En total, foron 67 os traballos que chegaron á fase intercentros do certame, convocado polo Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra (CENL). Participaron alumnos de once centros, oito deles ferroláns: Saturnino Montojo, Concepción Arenal, Canido, Carvalho Calero, Ludy, Belén, Almirante Juan de Lángara e Sofía Casanova. Os outros tres son o Atios, de Valdoviño; a Xunqueira, de Fene, e o IES Fene.

O xurado estivo composto por Rosa Aneiros Díaz, escritora, en representación do mundo da lingua e a literatura; Manuel Rei Romeu, profesor, en representación da CENL; Candela Ranhal Parajó e Jéssica Criado Guinaldo, en representación do alumnado; Cristina Prados Rubio, concelleira de Normalización Lingüística, e Beatriz Bascoi Maceiras, técnica do Concello de Ferrol, que actuou coma secretaria.

Premiados

Na modalidade de micropoesía, á que concorreron 23 obras, os premiados foron Fabio López Martínez, do Juan de Lángara, na categoría A, de 3.º ciclo de primaria; Yolanda Davila Rama, do Carvalho Calero, na categoría B, de 1.º ciclo da ESO; Martín Vilar Álvarez, do Atios-Valdoviño, na categoría C, do 2.º ciclo da ESO, e Ana Belizón Freire, do Concepción Arenal, na categoría D, de bacharelato e ciclos formativos.

Obtiveron accésits Sara Sanjurjo Alarcón, do Belén, na categoría A; Sara Blanco Álvarez, do Atios-Valdoviño, e Mateo González Álvarez, do Saturnino Montojo, na categoría C, finalmente Pablo Lozano Palenzuela, do Saturnino Montojo, na categoría D.

En canto aos microrrelatos (42 pezas), gañaron Diego Barreiro Montero, do Ludy, na categoría A; Manuel Nieto Fraga, da Xunqueira-Fene, na categoría B; Rocío Bouza Mira, do Saturnino Montojo, na categoría C, e Andrés Rodríguez Boutureira, do Carvalho Calero, na categoría D.

En canto aos accésits, na categoría A lográrono Mencía Graña González e Marta Sanmartín Veiga, ambas do Atios-Valdoviño; na B, Gianella Ramos Challa, do Canido; na C, Mateo González Álvarez, do Saturnino Montojo, e Iago Fernández Blanco, do Atios-Valdoviño, e na D, Natalia Gómez García e Laura Álvarez Chaos, as dúas do Concepción Arenal.

En microteatro, venceu Omar Calderón Yáñez, do Carvalho Calero, na categoría D, a mesma na que acadou accésit Fátima López Silvar, do mesmo centro de ensino.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …