Valdoviño-O alumnado do CPI Atios completou a peregrinaxe a San Andrés de Teixido

O alumnado de 6º curso de Primaria do CPI Atios de Valdoviño xa non sufrirá a lenda que acompaña a San Andrés e que reza: «o que non vai de vivo vai de morto pero convertido en insecto ou lagartixa». Ao mediodía deste xoves, preto dos 60 estudantes que integran as tres aulas do curso completaban a súa peregrinaxe ao santuario erixido na honra do Apóstolo.

Completaban así os 24 quilómetros que separan o templo sito en Cedeira do centro escolar en Valdoviño. Unha ruta máxica que rapaces e rapazas, acompañados polos
seus profes, realizaron en 3 etapas: a primeira, previa á Semana Santa, entre o
CPI e a Capela da Fame; a segunda, hai un mes, entre este último punto e a
parroquia de San Román, xa en Cedeira, e de alí ao final do Camiño.

Un camiño que arranca no Mosteiro do Couto, na cidade de Narón, enlaza con
Valdoviño e conclúe en Cedeira. Esa unión viuse precisamente representada este xoves
en San Andrés. Ata alí acudían os alcaldes e a alcaldesa dos tres municipios, Marián Ferreiro, Pablo Moreda e Alberto González. Acompañados da directora de
Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, recibían aos alumnos e alumnas
ao pé do santuario, e facíanlles entrega das Teixidelas, unhas tarxetas que
acreditaban a súa condición de «gardiáns do camiño vello a San Andrés de Teixido».

Un camiño que os tres municipios teñen especial interese en promover e potenciar e que serviu de escenario privilexiado este curso do programa educativo do CPI Atios, co que busca fomentar hábitos saudables a través da práctica deportiva, o contacto coa natureza e o coñecemento do territorio. Un programa co que combater o sendentarismo que se está a instalar entre a mocidade, especialmente a raíz da pandemia da covid-19. Sen dúbida, e tralo éxito deste ano, o proxecto terá continuidade.

Lea también

O Novembro, mes do humor continúa co espectáculo Eran elas de Avelino González

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolle este venres 22 de novembro, a …