Manuel Lourenzo, deputado do BNG no Parlamento Galego, acompañado de Iván Rivas, portavoz municipal do BNG e Maria Yañez, traballadora da UDC, compareceron esta mañá no Campus de Ferrol para manifestar o apoio e defensa da universidade pública, manifestar a súa oposición a tramitación da lei «que permitirá a implantación dunha universidade privada no noso país» e facer un chamamento a secundar a mobilización do vindeiro sábado en Compostela en Defensa da universidade pública galega.
Manuel Lourenzo, deputado do BNG, sinalou que o proxecto que esta a presentar Abanca e a Xunta de Galicia afonda «nun cambio de modelo da universidade galega que se distribúe nas 3 universidades e nos 7 campus do noso país«. A cal tiña unha función «aglutinadora e de cohesión social e que agora con este proxecto de lei de universidade privada, por primeira vez no noso país, criterios como a igualdade, o mérito e a capacidade para o acceso a universidade vanse tornar por criterios exclusivamente económicos.»
Este proxecto se presenta logo do «debilitamento da universidade pública que se prolongou durante máis dunha década na que se foron reducindo os orzamentos paulatinamente desde o ano 2009. Estamos diante do manual de privatización neoliberal que comeza co debilitamento da universidade pública, a cal garantía a equidade e a igualdade de oportunidades para implementar no noso país un proxecto clasista, elitista e que ten como único obxecto crear un lobby social no que as grandes elites sociais teñan acceso a un mercado que esta enormemente condicionado polo peso que ten unha empresa como Abanca«.
Este proxecto de lei desde unha perspectiva social «é clasista, elitista e discriminatorio ademais de contrario a cohesión social. Así mesmo estase tramitando mediante unha tramitación VIP na que o señor Feijoo púxolle unha alfombra vermella a Abanca para tramitar esta lei«. O BNG lembra que na actualidade as titulacións universitarias no noso país «teñen que ter un carácter complementario e non competitivo, pero as titulacións que presenta Abanca para facer caixa co noso sistema educativo son titulacións que nalgúns casos xa se están a impartir en 5 campus dos 7 cos que conta a universidade galega.»
A posta en marcha dunha universidade privada en Galicia supón «un cambio de modelo«. Enfróntanse dous posicionamentos clarísimos, «o que defende toda a comunidade universitaria galega, a que defende o BNG, fronte a Feijoo e Escotet aliñados na interese de fortalecer economicamente a unha empresa rescatada con 8000 millóns de todos os galegos e galegas e que pretenden poñer todos os edificios mercados co aforro dos galegos ao servizo dunha universidade privada«.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferol, indicou que a Xunta do PP está a favorecer o ensino privado «ao mesmo tempo que levamos anos asumindo recortes permenetes e constantes na universidade pública«.
Rivas sinalou que «non necesitamos unha universidade privada, o que precisamos e ter recursos para apoiar e desenvolver a universidade pública«. Recursos de carácter económico e recursos de carácter humano, docentes capaces de desenvolver poxectos de investigación e de ensino universitario como os que se desenvolven en Ferrol e «que se atopan con grandes problemas de financiamento para poder desenvolver proxectos fundamentais non só para esta cidade e para o desenvolvemento económico das nosas empresas e para o desenvolvemento do noso principal sector produtivo como é o sector naval«.
Ademais, indicou que a situación na nosa cidade «clama ao ceo despois de anos de abandono absoluto cunha residencia universitaria que leva décadas sendo reivindicada e que permitiría facer do campus de Ferrol un campus onde as estudantes poidan desenvolver a súa vida de maneira cotiá e diaria e facilitar a súa vida universitaria.»
Tanto Lourenzo, como Rivas, como Yañez fixeron un chamamento a participar na manifestación convocada este sábado en Compostela pola Plataforma en defensa da universidade publica en contra deste proxecto de lei de creación dunha universidade privada en Galicia.