O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de presentar as súas alegacións ao estudo de viabilidade para a reforma, ampliación e explotación do centro deportivo municipal ubicado no estadio de A Malata nas que solicita ao goberno local que desestime este documento e que opte xestión pública e directa da instalación por parte do Concello de Ferrol mediante medios propios.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinala que as alegacións presentadas polo BNG «desmontan a idea de que un contrato de concesión de obras é a opción idónea para a xestión desta infraestrutura xa que estas afirmacións están baseadas en xuízos de valor. Non se describe nin concreta, no documento, as vantaxes e beneficios que este sistema de xestión reporta, limitándose exclusivamente a expoñelas de maneira xenérica. Tampouco se desenvolve ningunha comparativa con outro método de xestión que permita coñecer as vantaxes e inconvenientes de cada unha das alternativas analizadas«.
Para o BNG o estudo económico elaborado demostra que «tanto os investimentos que precisa a instalación como o seu mantemento son perfectamente asumibles polas arcas municipais«. A renovación da instalación «se pretende financiar mediante 1 millón de euros que van pagar os veciños e veciñas de Ferrol directamente a través das arcas municipais xunto cos abonos dos usuarios e usuarias. Os 1,2 millóns de euros de fondos propios que vai aportar inicialmente a empresa privada son perfectamente asumíbeis polo Concello de Ferrol, sobre todo, se temos en conta que a administración local vai aportar 1 millón de euros de maneira directa pagándolle a empresa concesionaria unha taxa de 100.000€ anuais durante os 10 primeiros anos da concesión«.
Asi mesmo para o BNG a xestión mediante un operador privado, tal e como se recolle no plan de viabilidade, «con prezos de acceso ríxidos e preestablecidos ademais da imposibilidade facer uso deses espazos por parte da administración local impide o acceso a estas instalacións dos colectivos da cidade máis desfavorecidos e vulnerables«. Un dos criterios «básicos» que debería guiar a xestión desta infraestrutura «é posibilitar o acceso universal dos veciños e veciñas a actividade física no Concello de Ferrol«.
Este estudo «non analiza a situación das instalacións municipais deste tipo na nosa cidade, sobre todo no referente a necesidade que ten a cidade de dispor de máis láminas de auga para cubrir as necesidades deportivas da poboación en xeral e dos clubs deportivos«. Tendo en conta a alta demanda destas instalacións, tanto para o deporte federado como para o seu uso pola poboación, «optar por unha concesión deste tipo asentada baixo uns criterios exclusivamente desde un punto de vista de rendibilidade económica e o seu uso en función do seu aproveitamento por parte do concesionario impide que se poida facer uso destas instalacións dun modo flexíbel en función das posíbeis necesidades municipais«.
Para o BNG non se pode, como fai o plan de viabilidade, «definir aos centros deportivos da cidade como “competidores”, unha cuestión esta que parece impensábel se nos paramos a pensar que estamos a falar dunha instalación pública municipal. O criterio debería de ser estabelecer canles de colaboración con estes centros deportivos e un deseño conxunto da practica deportiva na cidade.»
Iván Rivas, portavoz nacionalista, afirma que, tras analizar o documento, «a única alternativa viábel é a xestión pública e directa da instalación por parte do Concello de Ferrol mediante medios propios polo que insta ao goberno local a desbotar a proposta de volver a privatizar esta infraestrutura deportiva.»