José Fonte Sardiña
No Obradoiro, en Santiago, sen dúbida a praza máis europeísta do mundo e se cadra tamén a máis fermosa, aos pés do pazo neoclásico que o arcebispo eumés Bartolomé Rajoy (1751- 1772) mandou construír e que leva gravado no seu frontispicio o nome da súa vila natal, pode contemplarse, ao meu ver, a mellor representación arquitectónica apoloxética da peregrinación onda o sepulcro apostólico polos Camiños de Santiago. A fachada occidental e principal da Domus Iacobi, é dicir, da catedral compostelá, realizada por Casas Novoa e Ferro Caaveiro entre 1738 e 1750, é unha auténtica apoteose barroca e xacobea.
Preside o corpo central a imaxe barbada de Santiago peregrino tocado co seu sombreiro de aba larga, adornado coa cuncha de vieira xacobea, e vestido cunha humilde túnica, capa e esclavina, que porta na súa man dereita o bordón coa cabaza e na esquerda, o Libro dos Apóstolos, que simboliza a súa evanxelización e predicación en Galicia e no resto da Península Ibérica.
A talla é moi semellante á que aparece na Porta Santa da catedral compostelá.
Acompañan a Santiago dous anxos a cada lado, brandindo a cruz en forma de espada,
que representa o seu martirio ―decapitado por esta arma executora― e a salvación
―acadada no madeiro redentor no que Cristo foi sacrificado―, e un pergameo no que
estaría escrito o Evanxeo que Santiago veu predicar a estas terras. Aos pés doApóstolo , axeonllados, aparecen na fachada dous reis hispanos peregrinos ofrecéndolle os seus
cetros como máximos representantes do pobo que Santiago evanxelizara, para
agradecerlle a súa protección e padroado.
Máis abaixo está o seu sartego rodeado por un coro de anxos e alumado pola
impresionante estrela refulxente que lle indicou, no primeiro cuarto do século IX, ao
eremita Paio o lugar no bosque Libredón onde os seus sagrados restos permaneceran
agochados durante case oito centurias, que logo serían exhumados polo bispo
Teodomiro (¿810?-847) para confirmar a súa autenticidade e que hoxe se gardan nun
sepulcro de prata no altar maior da catedral. Escoltan o sarcófago os discípulos de
Santiago, Teodoro e Atanasio ―case idénticos aos que o acompañan na devandita Porta Santa―, con barba e ataviados tamén como peregrinos, co chapeu de aba larga e cuncha de vieira, a túnica, a capa, a esclavina, o bordón e o Libro dos Evanxeos, que o
trasladaron na barca apostólica desde Jaffa a Iria, o enterraron no lugar que logo sería
Compostela e logo foron tamén sepultados onda o seu mestre.
A torre do Evanxeo acolle a imaxe de Zebedeo, o pai de Santiago, barbado, tocado cun
elegante chapeu, que viste unha longa túnica e unha rica capa con amplos pregos e leva na man dereita o Libro dos Evanxeos que os seus fillos Santiago e Xoán predicaron.
Diante del, sobre unha balaustrada, están dispostas as representacións do seu fillo máis novo, á súa esquerda, e de santa Susana, á dereita. San Xoán aparece, imberbe, coa pluma na man destra coa que se dispón a escribir o seu relato no Libro dos Evanxeos, que sostén na esquerda; viste unha longa túnica e unha elegante capa de amplos pregos e ocupa este relevante lugar pola súa relación fraterna con Santiago e por ser un dos tres discípulos predilectos de Xesús Cristo, xunto co seu irmán e mais Pedro.
Susana aparece coa palma do seu martirio na man destra ―inflixido por non querer
casar con Maximiliano, o fillo adoptivo do emperador Diocleciano, por ser ela cristiá e
el pagán―, vai coroada de gloria e porta na súa esquerda o Libro da fe pola que foi
decapitada pola espada. Santa Susana é copatroa de Santiago de Compostela e as súas
reliquias foron traídas a esta cidade desde Braga por Diego de Xelmírez (1120-1140),
no chamado Pío Latrocinio, xunto coas dos santos Frutuoso, Cucufate e Silvestre ―o
primeiro arcebispo de Santiago mandou levantar un templo dedicado á santa na actual
alameda compostelá para acoller as reliquias roubadas―.
Na torre da Epístola da fachada do Obradoiro aparece a imaxe de santa Salomé, a nai de Santiago, que viste unha longa túnica, cobre a cabeza cunha touca de amplos pregos que lle chega ata os pés e porta na man dereita o mesmo Libro que o seu home. A rúa Nova compostelá acolle a única igrexa do mundo dedicada á nai dos apóstolos Santiago e Xoán, que ten un fermoso pórtico románico coas escenas da Anunciación do Arcanxo Gabriel, da Virxe Encinta e de María Nai con Neno Xesús no seu colo.
Diante da talla de Salomé da fachada catedralicia, sobre outra balaustrada, están as
figuras pétreas de Santiago Alfeo o Menor, á súa dereita, e de santa Bárbara, á esquerda. Santiago Alfeo aparece aquí pola súa relación co seu homónimo o Zebedeo, alcumado o Maior, co que compartía un lugar de privilexio como apóstolo de Xesús, e porque na catedral compostelá se conserva a súa suposta cabeza nun fermoso busto relicario custodiado na capela das Reliquias ―levada en procesión en determinadas cerimonias solemnes no interior da catedral―; a súa imaxe barbada viste os hábitos do peregrino e porta na man dereita o bordón e na esquerda o Libro dos Evanxeos que como discípulo de Cristo predicou. Santa Bárbara está presente na fachada para protexer a catedral das tormentas; vai coroada de gloria e viste unha longa túnica cun xeitoso manto; leva na man dereita a palma do martirio e na esquerda porta unha torre con tres ventás que simboliza que sempre buscou refuxio na súa fe na santísima Trindade.
Despois da restauración da reixa, que se rematou esta pasada semana, dá xenio ver hoxe a fachada renovada e máis relucente que nunca, logo de varios anos, que se nos fixeron eternos, cuberta de andamios e rodeada de guindastres, malia que algún aínda queda.