O BNG propón ao pleno municipalizar o servizo de desbroces na zona rural

María do Mar López e Iván Rivas en rolda de prensa | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego defenderá no pleno de Ferrol que se celebra mañá unha moción que propón municipalizar o servizo de rozas de vías e limpeza de cunetas na zona rural unha vez que venza o actual contrato en vigor.

Iván Rivas, portavoz nacionalista, sinalou que esta proposta «vai encamiñada revertir a política de privatizacións e externalizacións de servizos públicos, desenvolvida neste Concello desde o ano 2012 co Partido Popular á fronte desta alcaldía, e mellorar un dos servizos básicos que esta cidade presta«. Neste caso, «nun dos entornos desfavorecidos pola falla de investimento e apoio público como son os barrios e os espazos da zona rural«.

O BNG salienta que o servizo de rozas de vías e limpeza de cunetas na zona rural ten na actualidade «un importe asumible para ser prestado de maneira directa por este Concello. 160.000€ foi a licitación deste servizo desenvolvida no ano 2017, un contrato que esta a a piques de rematar, polo que se dan as condicións óptimas para poder asumir estes traballos de maneira directa a partir do mes de setembro deste ano, que é cando remata o contrato actual«.

Outro dos motivos que debería levar a asumir a xestión pública deste servizo é que «os custes son fundamentalmente laborais«. Tres traballadores e traballadoras «que permitirían ampliar o plantel e o cadro de persoal municipal despois de sufrir un proceso de adelgazamento e minoriación, ao longo de todos estes anos, en favor de privatizacións permanentes e constantes. Tamén resolvería unha problemática histórica que os veciños e veciñas da zona rural están a poñer sobre a mesa de maneira reiterada como son as deficiencias do servizo«.

Este servizo de limpeza e desbroces «faise de maneira esporádica e nunca cumpre as demandas e espectativas das entidades veciñais deste ámbito da cidade, debido principalmente a que se contrata con empresas privadas nas que o seu obxectivo fundamental é o rendemento económico. Teñen, ademais, unha limitación vinculada aos quilometros contratados polos importes do contrato«.

Desde o BNG consideram que «se somos capaces de desvincular este servizo destas empresas externas e asumilo a través dunha cuadrilla municipal de traballadores estas limitacións de dous desbroces ao ano e que se teñen demostrado totalmente insuficientes desaparecerían e poderiamos actuar de maneira constante e prestar o servizo ininterrumpidamente ao longo de todo o ano. Unha cuestión que é demandada por parte dos veciños e veciñas da zona rural e que suporía unha importante mellora deste servizo

Lea también

Inauguración de la jornada Ferrol, motor de proyectos transformadores con impacto

El teniente alcalde de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, participó en la mañana de este jueves …