A compañía Teatro do Noroeste estrea esta fin de semana no Pazo da Cultura de Narón a comedia “Gloria nacional”, coproducida polo Padroado da Cultura. A alcaldesa e presidenta do citado organismo, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, presentaron a obra xunto co autor e director, Eduardo Alonso, os actores Miguel Pernas, a ferrolana Luma Gómez e Manuela Varela. A estrea desta comedia terá lugar hoxe venres, día 14 e o sábado 15 –ás 20.30 e 20.00 horas respectivamente- e aínda quedan algunhas entradas dispoñibles, que se poden adquirir no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.
“Gracias ao apoio do Padroado da Cultura de Narón se fixo esta obra dende o principio, incluso non se escribiría se non houbera ese apoio, porque é unha coprodución dende a idea ata que se estrea a obra, por iniciativa do Padroado que nos anima a que fagamos unha obra sobre esta temática”, asegurou o director do espectáculo, Eduardo Alonso. Traballan dende finais do ano pasado nesta comedia, que el define como “divertida, na que o público o vai a pasar ben e na que se plantexan cuestións de fondo de actualidade e da realidade, para que a xente medite, debata e se divirta”, sinalou.
Pola súa banda, o actor Miguel Pernas explicou que a historia se desenvolve “no estudo dun escultor de renome, gloria nacional dun país ficticio” e indicou que “é unha reflexión sobre a arte e os procesos de creación nestes momentos de incertidume e pandemia, nos que a arte é a esperanza e no teatro maiormente”.
A actriz Luma Gómez asegurou que “é unha reflexión entre a arte e a cultura que está collida dende diferentes puntos de vista, dende o do artista e tamén dende a política e o da sociedade e incluso da comercialización da obra artística porque as personaxes dalgún xeito son produto diso”.
“Son pequenos guiños que se fan á actualidade e que farán que a xente vexa a obra cun certo sorriso”, asegurou Manuela Varela, que na obra se meterá na pel dunha ministra de Cultura.
Luma subliñou ademais a aposta do Concello de Narón pola Cultura, incidindo en que “é un Concello disposto a apoiar proxectos na medida en que sexan necesarios, sen cortarse un pelo, aceptando a situación que despois deste longo proceso que levamos vivimos as compañías de teatro e os artistas en xeral, o que é moi de agradecer que haxa un concello neste país así porque a verdade é que non é o habitual”.
É unha comedia de gran contido social protagonizada por Uxío, un escultor e pintor duns 60 anos que é considerado no seu tempo unha gloria nacional. Expón en todos os países do mundo e está construíndo no seu estudo o seu traballo máis importante, unha escultura que lle encargou o goberno do seu país para colocar nunha praza principal da capital. Comeza a facela pero chega a un punto no que non sabe como continuar debido a unha crise creativa. Carmiña, unha muller de 65 anos que vive cerca do seu estudo ten varias conversas con Uxío pero a obra retrásase e o presidente do goberno preocúpase porque a praza está case rematada e non se pode inaugurar porque non está a escultura.
Finalmente a alcaldesa destacou o traballo da compañía Teatro do Noroeste, que en varias ocasións actuou no Pazo da Cultura, e agradeceu o recoñecemento ao traballo que na área cultural se realiza dende a cidade. “As administracións temos que apoiar tamén ao sector cultural, do que dependen moitísimas familias que tamén sufriron e sofren en primeira liña esta pandemia e dende Narón así o fixemos e continuaremos facendo para aportar o noso gran de area”, recalcou. Ademais, xunto con Sánchez Fojo, felicitou á compañía polo traballo realizado co Padroado da Cultura e animou á veciñanza a acudir a ver o espectáculo esta fin de semana.