O BNG presenta as súas propostas para a revisión do Plan de Mobilidade

Iván Rivas e María do Mar López en rolda de prensa antes da pandemia | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol no marco dos debates que se están a desenvolver en relación a actualización do pacto da mobilidade fixo as súas achegas ao mesmo co fin de definir a mobilidade do Concello no futuro e cordenala coa ordenanza de tráfico.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinalou que o pacto pola mobilidade subscrito no ano 2018 contemplaba uns principios, obxectivos e estándares que respondían a uns criterios de mínimos e que contemplaba a elaboración dun Plan de Accións prioritarias no marco deste Pacto. Tres anos despois «semella que o obxectivo debe pasar por desenvolver as medidas e principios alí recollidos máis que redefinir o pacto subscrito en 2018 baixo un prisma que rebaixa aqueles acordos«.

Ademais é fundamental «dotar economicamente as accións que se pretendan desenvolver e facelo baixo uns principios centrais que orienten e senten as bases desa mobilidade no futuro«.

Así o BNG desenvolveu unha serie de criterios básicos que deben reflectirse neste documento. Para o BNG é necesario «limitar o desenvolvemento de novas areas urbanizables no Concello que provocarán máis gastos e investimentos en infraestruturas promovendo a rehabilitación do parque edificado actual».

Asi mesmo, «é preciso reducir os aparcadoiros en superficie existentes recuperando ese espazo para a xente coa xeración de novas zonas verdes e espazo público como a parcela do Sánchez Aguilera«. Incrementar os servizos e frecuencias do transporte público «por riba incluso da demanda actual co obxecto de fomentalo, no senso contrario ao que se ten feito até hoxe«. Promover os aparcadoiros soterrados «para absorver a demanda residencial e os aparcadoiros disuasorios conectados coa rede de transporte público para disuadir do uso do vehículo privado«. Fomentar a coexistencia de diferentes usos e mobilidade no espazo público «que o enriquezan e doten de espontaneidade, combinado os tránsitos peonis cos ciclistas e con outros usos de lecer como correr ou xuntarse na rúa«, así como efectivizar, «dunha vez por todas, a peonalización integral do barrio da Madalena«, coma tamén contar con espazos exteriores de interrelación ou a demanda de lugares e percorridos para o tránsito peonil «son outras necesidades do Concello que a covid-19 deixou en evidencia«.

Por todo isto pídenlle ao goberno que teña en conta estes criterios, non só para definir o Plan de Mobilidade do Concello senón tamén para modificar a ordenanza de tráfico proposta «que insiste en promover espazos de aparcadoiro en superficie no barrio da Madalena e que cercena a liberdade e espontaneidade, impedindo a coexistencia de usos diversos do espazo público«.

Lea también

La profesional de digestivo del CHUF Lidia González Peñas, seleccionada como participante del Mentorship Program for Women in Endoscopy

La profesional del Servicio de Digestivo del Complejo Hospitalario Universitario de Ferrol, Lidia González Peñas, …