O Concello presenta a nova páxina web do Servizo de Normalización Lingüística de Narón

Marián Ferreiro e Mercedes Taibo presentando a nova web de Normalización Lingüística | Concello de Narón

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello dispón dende hoxe dunha nova páxina web, á que se pode acceder dende o enderezo: www.naronengalego.gal, cun acceso propio dende a web municipal (www.naron.es). A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, presentaron esta mañá a web, que é unha ferramenta máis completa, sinxela e intuitiva que a que estaba funcionando ata o momento.

A páxina estrutúrase en cinco apartados: dinamización, formación, asesoramento, actividades e novas, que se actualizarán periodicamente para que as persoas que accedan a ela dispoñan de información sobre o traballo que en cada momento se realiza dende este departamento municipal. No apartado de dinamización pódese consultar información sobre diferentes programas impulsados ou nos que participa o citado servizo, como “Do berce á rúa”, “Apego”, “Club de debate”, “O nobelo do tempo en Narón”… Así mesmo, na área de formación recompílanse cursos específicos, información de difusión dos cursos Celga de galego e de linguaxe administrativa, difúndese material e recursos en lingua galega… A maiores, no apartado de asesoramento podemos atopar que entre as tarefas do servizo están as de resolver dúbidas e realizar correccións e traducións de textos; no de actividades pódense consultar as propostas que se programan dende o SNL e no de novas figura información de interese sobre a lingua galega.

A nova web complementa o traballo de difusión que se realiza tamén a través da páxina de Facebook do SNL na que tamén se difunden as actividades e programas, entre outros recursos cos que se traballa.

Queremos que a xente dispoña de todos os recursos que dende o Concello se ofrecen a través do Servizo de Normalización Lingüística dun xeito sinxelo para así poder facer uso deles e estar informados puntualmente”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa destacou o cambio realizado e incidiu en que se levou a cabo “pensando nas veciñas e veciños da nosa cidade, que participan moi activamente nos diferentes programas que desenvolvemos ao longo do ano a través do Servizo de Normalización Lingüística”.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …