O Concello de Narón abrirá este mércores o prazo para a entrega de solicitudes para presentarse a dúas prazas que se proveerán mediante o sistema de oposición e en turno libre, unha de técnico en Prevención de Riscos Laborais (grupo A2, nivel 22) e outra de bombeiro condutor (grupo C2, nivel 14), tal e como indicou o edil de Persoal, Pablo Mauriz. As persoas interesadas en anotarse á convocatoria poden presentar as solicitudes ata o vindeiro 10 de maio, tal e como se recolle no Boletín Oficial do Estado de hoxe.
As bases específicas destas dúas prazas poden consultarse ao completo no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do pasado 12 de febreiro. A fase de oposición para a praza de técnico de Prevención de Riscos Laborais constará de tres exercicios –exame teórico, desenvolver varios supostos prácticos e coñecemento de lingua galega-, se ben para a de Bombeiro-condutor será de seis exercicios –coñecementos teóricos, proba de rúas, destreza no manexo de ferramentas e útiles, condución dun vehículo do servizo, coñecemento de lingua galega e probas físicas- máis un recoñecemento médico.