O BNG pregunta ao Ministerio de Defensa pola instalación de parques eólicos en terreos da súa propiedade en Ferrol

Iván Rivas e María do Mar López en rolda de prensa antes da pandemia | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol rexistrou unha iniciativa no Congreso dos Deputados co fin de que o Ministerio de Defensa aclare a súa vinculación co parque eólico que se pretende instalar na zona de Mougá, xa que o mesmo ten previsto a instalación de aeroxeneradores no miradoiro do Pedrouzo, terreos estes propiedade do Ministerio de Defensa.

O portavoz municipal do BNG, Iván Rivas, indicou que a solicitude deste parque eólico, o máis grande dos previstos na cidade, que se sitúa nos montes de Mougá, Doniños e a Bailadora, afecta a terreos de propiedade pública, neste caso do Ministerio de Defensa, «polo que cómpre coñecer se o Ministerio de Defensa ten algún acordo cos promotores deste parque eólico e se ten previsto autorizar a ocupación dos seus terreos».

Iván Rivas quixo destacar a pouca información que as administracións públicas, tanto Xunta como Concello, como neste caso o Goberno Central está a facilitar sobre estes proxectos e as repercusións que os mesmos van ter en Ferrol e lembrou que os proxectos solicitados para a cidade teñen previsto asentarse en terreos de titularidade pública, «como este que nos ocupa de Defensa, e o previsto para os montes de Brión, nos montes do Chá, que se sitúa en terreos propiedade municipal».

Iván Rivas, volve a insistir en que se tratan de parques eólicos que contemplan aeroxeneradores dunhas dimensións salientables, que superarán os 200 metros de altura, e que se pretenden situar próximos á Rede Natura e ao logo de todo o litoral atlántico do concello desde a zona superior de San Filipe até o límite con Narón sobre a praia de Ponzos.

Indicou que a proximidade a contornos protexidos e cun alto valor ambiental e patrimonial e patente e puxo como exemplo que algúns destes elementos se sitúa a menos de 500 metros do núcleo de poboación de Doniños, ou a menos de 1 kilómetro da propia praia de Doniños ou do areal de San Xurxo.

O portavoz municipal indicou que se está a regalar o espazo público e a paisaxe natural «a grandes compañías a cambio de irrisorias compensacións para as propietarias e os Concellos«. Neste sentido sinalou que o problema non é a enerxía eólica «é o xeito no que se están a realizar os proxectos de maneira masiva, non planificada e a grande escala afectando a zonas de grande valor ecolóxico, medioambiental e patrimonial».

Tal como están concibidos e dimensionados, primando a máxima produtividade e beneficio para as empresas promotoras os efectos no territorio «acostuman ser devastadores: máis alá da ilusión das escasas rendas que producen, a realidade é que xeran moi poucos postos de traballo e deixan detrás unha pegada de desertización e despoboamento«.

O BNG lembra que na actualidade, os propietarios reciben de media entre o 1,1 e o 2,4% do total da facturación dos parques. «Se se teñen en conta os ingresos dos concellos por IAE, IBI e imposto de construción a parte que fica no territorio da facturación é de aproximadamente o 5%«.

Desde o BNG volven a demandar que se garanta a transparencia e a avaliación ambiental destes tres proxectos, e que se someta á información pública as propostas presentadas. Por estas razóns o portavoz municipal pediu novamente ao alcalde «que denegue a autorización para a solicitude que afecta a terreos de propiedade municipal localizado nos montes de Brión» e solicita tamén á Xunta de Galicia «que paralice a tramitación destes proxectos e de conta inmediata aos e ás interesadas da información que posúe ao respecto destas tres instalacións«.

Lea también

El BNG califica de “escándalo” la recapitalización en Emafesa

La decisión del gobierno municipal de Ferrol de recapitalizar Emafesa para pasar del 49% al …