Narón-Reunión da alcaldesa para tratar sobre o muiño das Aceñas

A alcaldesa da Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos, reuníronse onte co xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, para abordar diferentes asuntos de interese para o municipio. Un dos temas que Ferreiro lle trasladou a Eimil foi o interese do goberno local por facerse coa propiedade do muíño das Aceñas, “co fin de recuperar esta construción de tanto valor patrimonial na nosa cidade e que está en moi mal estado de conservación”.

A rexedora local manifestou o seu interese por chegar a un acordo cos propietarios da construción para adquirila pero tamén se interesou por outras alternativas para que no caso de que o acordo non fructificase, permitisen ao Concello facerse con este inmoble. Entre elas, tal e como se abordou na xuntanza, estaría a posibilidade de solicitar á Demarcación de Costas a concesión dunha parte da construción, concretamente a que se atopa en zona de dominio público. “A través desta outra opción sobre a que nos informamos na reunión teriamos a posibilidade de que unha parte do muíño pase a formar parte do patrimonio municipal”, explicou, asegurando que “a primeira das vías que se retomará dende o goberno local será a de tratar de desbloquear as negociacións que impediron en ocasións adquirir a construción, ao non chegar a un acordo económico cos propietarios en ningunha das ofertas económicas que presentamos dende o Concello”.

O pasado mes de decembro a corporación local aprobou por unanimidade no pleno unha moción na que se recollía o compromiso de realizar as xestións oportunas para adquirir o muíño das Aceñas co fin de rehabilitalo. En base a ese documento, a alcaldesa convocou unha reunión que tivo lugar no Concello o pasado mes de xaneiro para seguir avanzando nesta mesma liña e donde tamén se acordou contactar coa Demarcación de Costas e a Xunta de Galicia para analizar a viabilidade de que se manteñan os compromisos necesarios para recuperar esta valiosa construción.

Continuaremos traballando para que o muíño pase a ser propiedade municipal e evitar que siga deteriorándose co paso do tempo unha construción que representa todo un símbolo da nosa cidade”, recalcou Ferreiro. Así mesmo, incidiu na importancia de que “dende o Concello contemos co respaldo das administracións supramunicipais que no seu día se comprometeron a colaborar para facer posible a recuperación deste inmoble, xa que precisa dun investimento moi importante”.

A que foi a Real Fábrica de Fariñas do Ponto de Xuvia é o único muíño intermareal da comarca de Ferrolterra e un dos poucos que hai en Galicia. “Construíuse a finais do século XVIII e foi unha das grandes fábricas de fariña de Galicia no século XIX, polo que sería moi importante que a propiedade pasase a ser municipal para recuperala como parte importante da historia desta cidade”, subliñou Ferreiro.

Lea también

El Club de Baile Deportivo Narón realiza una exhibición en la Plaza de Eventos de Odeón este sábado

El Club de Baile Deportivo Narón junto a la Escuela de Baile Tedaga, realizarán este …