O BNG alerta do carácter «orweliano» da nova ordenanza de tráfico

María do Mar López e Iván Rivas en rolda de prensa | Adán Puentes

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no Concello de Ferrol, valorou esta mañá o texto da nova Ordenanza de Tráfico presentada polo gobrno local a cal considera que se trata «dun texto de inspiración orweliana» polo «extremo control que o goberno local pretende facer da poboación«, ademáis de ser unha «ordenanza conservadora e que vai máis alá da organización do tráfico na cidade«.

Iván Rivas sinala que esta ordenanza agocha a intención de «exercer un control extremo da poboacion«, o goberno local pretende convertirse «no noso Gran Irmán” con esta ordenaza que se enmarca na «deriva reaccionaria que o Partido Socialista está a adoptar cada vez de maneira máis intensa«, como se demostra «no seu posicionamento de desmobilizar a asistencia que terán lugar o día 8 de marzo«. Esta proposta de ordenanza excede, con moito, a regulación do tráfico da cidade «xa que pretende controlar o uso e a xestión do espazo público, unha das consecuencias que xa adiantabamos hai tempo que podería traer a crise sanitaria da covid«.

O BNG salienta que esta ordenanza recolle explicitamente que non se pode correr nin saltar na rúa, que non se poden xuntar grupos de persoas e pararse no espazo público por unha posibel molestia á circulación, que non se pode agardar o bus fóra das paradas habilitadas para facelo, que non se pode ir en bicicleta polas zonas peonís ou que os nenos e nenas tampouco poderán ir sós na súa bicicleta senon van acopañados dun adulto.

A aplicación desta ordenanza vai supor que, por exemplo, en espazos como a praza de Amboaxe «os nenos e nenas non poderán andar en bicicleta como leva acontecendo dunha maneira normal, cotiá e espontanea durante tanto tempo sen que isto supuxese ningun tipo de problema para a seguridade viaria do Concello de Ferrol».

Do mesmo modo os habituais e cada vez máis deportistas amateur ou profesionais que empregan espazos públicos como o paseo da Malata para correr ou desenvolver actividades deportivas, como andar en patíns, «tampouco o poderán facer nin polo espazo limitado à circulación peonil nin polo espazo limitado à circulación de bicicletas que será de uso exclusivo para elas«.

Para o BNG estes exemplos demostran que esta é unha «ordenanza reaccionaria que ademais ten unha compoñente conservadora» como é o feito de que para poder solicitar a tarxeta de estacionamento provisional para aquelas persoas con mobilidade reducida, namentras tramitan a definitiva que lles permita moverse con certa normalidade ou, cando menos, con moitas menos dificultades, «hai que facelo en base à xustificacion dunha enfermidade ou patoloxia extremadamente grave e ten que ser por razóns de caracter humanitarias». Criterios como estes «demostran a pouca sensibilidade por parte deste goberno local se ten con respecto a estas persoas sobre todo se temos en conta que están a tardar moitos meses en conquerir as tarxetas de estacionamento definitivas«.

O BNG insiste no seu caráter conservador porque os vehículos oficiais do Estado, das comunidades autonomas, dos concellos e mesmo do Ministerio de Defensa «non estarán vinculados a súa aplicación para o estacionamento nas ruas do Concello e se lles reservarán cantidades importantes de prazas a estes vehículos«.

O BNG critica tamén que a pernocta no ámbito do espazo público do Concello das autocaravanas, nesta ordenanza se permite que esto poida acontecer «durante unha noite na mesma rúa e no mesmo lugar e duas noites seguidas en dous epazos diferentes do termo municipal en vez de que sean as zonas habilitadas para este tipo de vehículos o lugar onde poder pasar as noites«.

Iván Rivas sinalou que estamos diante dunha ordenanza «parcial e moi limitada en relación a todo o territorio do Concello xa que na mesma non aparecen os barrios de Caranza, nin de Canido, nin de Ferrol Vello e non existe ningún tipo de cordenación con outro dos documentos básicos para esta cidade como é o plan de movilidade que acaba de ser retomado«.

Para o BNG parece «básico» que unha ordenanza de regulación da mobilidade «debería estar cordenada co plan que vai a regular esa mobilidade e foi polo que na comisión desenvolvida o pasado mércores solicitámoslle ao goberno que paralizase a tramitación dunha ordenanza destas características e que limitase os ámbitos da súa aplicación«. Tamén porque permitirá «que se empreguen médios dixitais, como as cámaras de vixiancia, para outros usos que non sexan de control do tráfico e da circulación no Concello«.

Pídenlle ao goberno local que «cordine esta ordenanza con outros documentos básicos e fundamentais para a cidade co obxectivo de que as rúas e o espazo público de Ferrol recuperen o seu uso a súa vitalidade a súa espontaneidade e poidamos facer no futuro desta cidade un espazo en funcion das necesidades dos veciños e das veciñas«.

Ademais este documento «entra en contradición cun dos obexctivos que parece que todos e todas compartimos, pero na práctica nunca se implementa, como é a peonalización do barrio da Madalena». Este obxectivo «é inviable cunha ordenanza de tráfico, como esta, que volve a regular a circulación do trafico rodado neste espazo da cidade que, de novo, volve a permitir o estacionamento nas rúas deste barrio declarado Ben de Inetrese Cultural e que fai que esta cidade acumule décadas de retraso con respecto a decisións que noutros concellos e noutra vilas se teñen adoptado e lles supuxo unha mellora substancial dos seus espazos públicos e unha rexeneración urbana dun dos elementos neurálxicos das cidades como son os seus centros historicos«.

Por estes motivos, entre outros, pídenlle ao goberno local que «paralice a tramitación desta ordenanza e reflexione sobre cales son os obxectivos politicos que quere acadar con ela«.

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …