José Fonte Sardiña
Un trinta de decembro de 1270, hai pois xa sete séculos e medio, Afonso X o Sabio (1252-1284), “pola graza de Deus rei de Castela, Toledo, León, Galicia, Sevilla, Córdoba, Murcia, Jaén e do Algarbe” (Tomado e traducido de Millán González Pardo: “Toponimia del Concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz”, A Coruña, 1987, p. 190), mandara fundar ex novo a vila, por un privilexio asinado en
Guadalajara, que respondía a unha petición realizada polos habitantes das terras de
Pruzos e Bezoucos, entre outros os de Centroña, Boebre, Leiro, Carantoña, Doroña,
Grandal, Paderne, Piñeiro, Laraxe, Franza, Maniños, Magalofes, Sillobre, Perlío…,
“que recibían moitos males e moitas inxustizas por parte de cabaleiros, escudeiros e
outros homes malfeitores que lles roubaban e lles tomaban o que era seu sen eles o
consentiren, e que nos pediron que lles désemos un lugar, o que tivésemos por ben, para o poboar e que lles outorgásemos os nosos reguengos” (Idem, p. 191) (Miniatura de Afonso X o Sabio na súa corte, que aparece nunha edición das “Cantigas de Santa
María”, que o rei mandara facer, e talvez el mesmo fose o autor dalgunha, na honra da Virxe).
Naquel documento asinado o penúltimo día do ano 1270, o rei Sabio dicíalles a estes
habitantes das terras de Pruzos e Bezoucos que solicitaran a súa protección que, por os
compraceren e “para que a terra estea mellor poboada e se impoña a xustiza nela,
dámoslles e outorgámoslles os nosos reguengos e todos os nosos dereitos que temos e
debemos ter nesta terra e nestas freguesías antes ditas, e que os teñan libres de cargas por sempre xamais, agás o padroado das nosas igrexas que retemos para nós, e que teñan a renda deles, a que nos adoitaban dar a nós ou ao rico home que tiña a terra no noso nome, agás o portádego dos barcos e dos navíos que alí tomaren porto ou que alí viñeren pescar doutros lares, pero os seus poboadores que puideren pescar libremente polo mar, que pesquen libremente sen outra carga, e que non dean o portádego nin dereitos ningúns do que pescaren cos seus navíos na vila nin no seu alfoz” (Idem, p. 191).
Animábaos así o rei a poboar “o lugar que din Pontedeume e que fagan alí unha vila
[…]. E tamén lles outorgamos que fagan alí mercado cada mes e que todos aqueles que alí viñeren que veñan e volvan seguros así como a todos os outros mercados do noso reino. Tamén lles outorgamos o foro de Benavente para seren xulgados” (Ibidem). En 1284 Pontedeume xa tiña unha cerca con portas de acceso; o propio Afonso X, na “Lei das Sete Partidas”, afirmaba que “o Rei debe honrar a súa terra mandando cercar as cidades, vilas e castelos con bos muros e torres, porque isto os fai máis nobres, honrados e fermosos e ademais proporciona unha gran seguridade e amparo para todosen todos os tempos” (Debuxo do recinto amurallado eumés, contra o ano 1400, de José López Hermida, en López Hermida e De Castro Álvarez: “Las murallas de Pontedeume”, Cátedra 13, Pontedeume, 2006, p. 91).
Este privilexio fundacional da vila fora confirmado por outros posteriores de
Fernando IV (1295-1312), do cinco de marzo de 1306, e Afonso XI (1312-1350), do
vinte e catro de xullo de 1345, neto e bisneto, respectivamente, do rei Sabio.
Malia que Xoán II (1406-1454), o nove de maio de 1434, e Henrique IV (1454-1474), o
dezasete de marzo de 1464 ―este último documento, na imaxe, consérvase no Concello de Pontedeume― confirmaron tamén o documento de 1270, a vila pasou a depender en 1371 directamente da Casa de Andrade por outro privilexio asinado en Burgos polo rei Henrique II (1369-1379) en favor de Fernán Pérez de Andrade o Bo, o seu primeiro señor.
Así e todo, Pontedeume, hoxe, celebra, con todas a restricións que esta pandemia nos
impón e coa esperanza de vela axiña vencida, estes sete séculos e medio de vida libre xa de señores e doutros sometementos, e quere ser dono do seu porvir, como ben o
expresara, xa en febreiro de 1978, o meu benquerido mestre Xoán Xosé Fernández
Abella no poema que lle compuxera: “Un milagre de beleza / é a vila de Pontedeume, / con pegadas dos Andrade / tan só nas pedras, pois quere, / señora do seu destino, / ir ao seu futuro ceibe” (Fernández Abella: ‘Pontedeume (A Ignacio Dosil Felípez)’,
en “Poemas de amor, loanza, condena e outros”, Santiago de Compostela, 2011, p. 56).
Eu quero animar desde aquí aos meus paisanos eumeses a iniciar xuntos este 2021 que agora comeza ―coa arela de recuperar a nosa vida normal e no que acolleremos, se as cousas melloran, moitos peregrinos xacobeos por mor do Ano Xubilar Compostelán― unha nova andaina cara ao oitavo centenario e desexarlles aos que alí cheguen ―eu estarei xa criando vermes en Porto― que o poidan celebrar con saúde, prosperidade, benestar e liberdade.