O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol denuncia «a falta de gasto público por parte do goberno local que mantén un comportamento indolente nun momento no que se precisa un goberno local decidido«.
O BNG considera que nun momento como o actual o que precisa a cidade «é xusto o contrario do que se está a facer por parte do goberno municipal e máis cando, hoxe, as regras fiscais de límite gasto están suspendidas para o período 2020-2021«. A pesar disto o goberno local «non só non aproveita este momento para mudar a súa política económica senón que insiste en aplicar os mesmos criterios de contracción de gasto público e redución de débeda desenvolvidos neste Concello desde 2012 e que ten sumida á cidade nun parálise e precarización de servizos municipais tal e como constata o terceiro informe de execución trimestral do orzamento municipal«.
Este informe sinala que o nivel de execución dos investimentos non chega nin ao 23% a piques de rematar o ano e o gasto destinado á reparación, mantemento ou conservación de bens públicos ten un grao de execución do 20% nunha cidade «con tantas necesidades en reparación de viais, edificios ou mantemento de espazos públicos«.
O gasto realizado nestes 9 meses de ano do diñeiro destinado no orzamento mediante transferencias tanto correntes como de capital a familias e institucións sen ánimo de lucro é do 27% e por tanto, «esta actitude do goberno está a comprometer moitas actividades e traballos desenvolvidos polas diferentes asociacións e colectivos que existen na cidade así como ás axudas e subvencións que os veciños e veciñas da cidade deberían recibir por parte do Concello.»
En contraste con estes «baixísimos porcentaxes de execución» o goberno local do PSOE ten amortizado o 80% da débeda prevista para todo o ano e que supón 2,4M de euros do ozamento municipal.
Ao mesmo tempo, «e diante da falla de ingresos produto de eximir do pago á Autoridade Portuaria dos 900.000 euros correspondentes ao IBI de características especiais, non cobrar o IBI polas propiedades desafectadas do Mº de Defensa ou non recibir un euro polo canón de EMAFESA desde 20015, que supón 2,4M de euros ao ano, o goberno local incrementou os ingresos por multas nun 185% respecto das previsións e a falta dos últimos tres meses do ano«.
Un incremento que se corresponde fundamentalmente «cos 1,58M de euros recadados por multas de tráfico respecto dos 750.000 euros previstos ao inicio do ano e do que a empresa xestora das multas percibe o 25%«.
É dicir, «non se lle cobra ou se lle exime de pago ás grandes empresas e administracións públicas mentres se incrementa os ingresos procedentes directamente dos veciños a través de sancións e taxas municipais que se cobrar regularmente todos os meses«.
O BNG insiste, ademais, en que todo isto acontece mentres o goberno local «mira para outro lado diante da falla de ingresos comprometidos por outras administracións«. Das transferencias correntes procedentes doutras administracións o recadado até o terceiro trimestre «non chega nin aos 12M dos 21,73M previstos, como tampouco se ten recadado máis que 180.000 euros dos 5,65M de euros consignados como transferencias de capital procedentes doutras administracións destinadas a financiar proxectos e convenios na cidade«.
É significativo tamén que nun momento como o actual o «gran obxectivo económico do goberno» continúe a ser a redución da débeda pública que «xa se atopa nun ridículo 17% cando o limite legal e do 110% e no canto de aproveitar os baixos tipos de interese actuais para desenvolver proxectos públicos decídese reducir aínda máis o gasto público«.
Esta «insistencia na contracción do gasto público» na cidade ao longo deste 2020 demostrase no feito de que o goberno local «xa ten previsto facer un axuste contable de redución de gastos ao final de ano de 8,5M de euros por non gastar o orzamentado e que só servirá para cumprir cunha regra de gasto que non está vixente e que redundará en empeorar os servizos públicos municipais«.
Así mesmo teñen que sinalar que «por segundo trimestre consecutivo o Concello de Ferrol está a incumprir o período medio de pago a provedores unha regra económica que pese a que non supón unha medición eficaz da xestión económica municipal non deixa de ser un instrumento de control co obxecto de incidir máis na austeridade económica«.
Para o BNG deixar pasar o período transitorio de suspensión do límite de gasto e «dunha irresponsabilidade económica absoluta e é preciso destinar todos os fondos posibles a desenvolver proxectos de gasto público de maneira urxente, recorrendo a préstamos se fose necesario que teñan como destino xerar emprego, desenvolver axudas sociais e investimentos públicos na cidade«.
Continuar na senda actual «non levará máis que a un maior deterioro da cidade e dos servizos que o Concello ten obriga de prestar. Nas actuais circunstancias este comportamento só se explica por contar cun goberno local plenamente obediente coa directrices económicas ditadas desde a administración estatal pese a que o que até agora eran obrigas hoxe reconvertidas en recomendacións de contracción de gasto público estean levando a cidade a unha rúa sen saída nunha voráxine de redución do gasto municipal cada ano maior«.