José Fonte Sardiña
Esta maldita pandemia, que segue a deixarnos o seu cruel regueiro de morte e ruína económica, social e cultural, impide que poidamos desenvolver a nosa vida cotiá e celebrar como desexaríamos as festas e tradicións. Primeiro, aínda confinados nas respectivas casas, fóronnos arrebatados o Paso, as procesións da Semana Santa, a festa dos Maios ou o Día das Letras Galegas, e logo, xa nas distintas fases que nos levaron á chamada nova normalidade, a romaría de San Miguel, os folións de San Xoán, o Feirón Medieval dos Andrade, os patróns e verbenas das nosas parroquias veciñas… Todas estas manifestacións populares tivemos que celebralas a través dos recordos escritos con tinta indeleble na memoria do corazón e gravados nas fotos, algunhas mesmo en branco e negro, realizadas por Tito Ríos e gardadas como ouro en pano nos fogares. E as Festas das Peras, tamén. A saúde é o noso ben máis prezado e xa virán tempos que nos permitan gozar de novo en plenitude das tradicións que levamos tan dentro.
Para min, o acto máis importante e entrañable das festas patronais de Pontedeume é a
saída dos mómaros o día sete de setembro ás doce do mediodía na praza Real. O
primeiro recordo que teño dese día está ligado a Eduardo, o noso Neno. Axudaba ao
Pies a sacar con moito coidadiño dos baixos do Concello a mómara, a verdadeira protagonista, despois da nosa patroa a Virxe das Virtudes, das Festas das Peras. Os seus xenerosos peitos sobre os que ía espetada a hortensia máis fermosa do xardín, collida con mimo pola mañanciña daquel día, eran o seu principal sinal de identidade, xunto co doce sorriso da súa cara. Así segue a ser tamén a mómara de hoxe, algo diferente pero esencialmente igual.
Logo repetiría a súa axuda co mómaro, aquel mouro de bigote branco con cara de retranqueiro, como bo eumés. Hoxe, o soldado romano coa espada dos conquistadores que nos deixaron o xermolo do que, co paso do tempo e o amor das nosas xentes, se converteu na lingua galega, conserva o mesmo sorriso irónico.
Cando imaxino a saída dos mómaros deste ano, eu creo ver a Eduardo, ás doce da mañá, na Praza Real do Ceo eumés, fumando un puro co meu pai e comezando a bailar coa primeira nota dos gaiteiros, mesmo antes de que Jesús se poña a danzar coa mómara. Haiche cousas que nin o coronavirus pode cambiar.
A cerimonia relixiosa na honra da patroa, a Virxe das Virtudes, puido facerse, aínda que Nosa Señoras das Peras houbo de abandonar o seu santuario para celebrar por primeira vez na historia a súa festividade na igrexa parroquial, para que o distanciamento requirido entre os fregueses fose posible. Así e todo, a profana cucaña coa posterior queima da traca e do galán, que xa se realizaba en 1881, como recolle o programa das festas daquel ano, tivemos que celebrala tamén os eumeses a través da lembranza. Eu imaxínome no Cariña de Rosa axudando ao meu pai nas manobras pertinentes para colocarnos pretiño do barco da chupona e así animar aos meus queridos parentes Zalo Villar e o seu sobriño Fran, tan vivos na miña memoria, a Chuspi Veiga, Paco o Chona, Carlos Villar, Pablo Delgado ou Pablo Fuentes, aplaudirlles con forza cando collan a bandeira e berrar sebo ao pau para a seguinte quenda.
Cando se atrapa a ficticia terceira bandeira, despois de botar a bomba que o anuncia e de soar a muiñeira preceptiva, cremos ver desde o bote como estoupa a gran traca e a queima do galán, que é un moneco que vai montado nun caiuco e voga a remos pares con todas as súas forzas para que a embarcación dea voltas, e todo remata cando lle
rebenta a cabeza que salta polos aires e cae ao chan. Os que teñan a sorte de estar na vila, despois de deixar voar a imaxinación, poden ir tomar realmente os viños
preceptivos antes do xantar na honra da patroa (Foto de Lola Fornos Ríos-Garabana).
O día nove tiven a honra de presentar por cuarto ano consecutivo o Recital Poético, no
que participaron, na Horta dos Frades da Casa da Cultura, nesta ocasión, Francisco Vila, Brais Rey Campos, Lúa Vila Blanco, Lucía Vilches, Guti e Eva Veiga, e hei de recrear na memoria, porque tampouco se celebra, o tradicional Concurso de Froitas na
Alameda, no que o meu querido veciño Antonio Castro o Copo sempre levaba un dos
premios importantes.
O día do copatrón san Nicolás de Tolentino houbo na igrexa parroquial a tradicional
cerimonia do Voto pola milagrosa intervención do santo para sufocar os tráxicos
incendios que devastaron a vila en 1607 e 1621 e a bendición dos boliños que os
eumeses gardamos nos nosos fogares para protexernos do lume. Actuou de vicario nesta ocasión a Coral Polifónica Eumesa, que celebra o seu primeiro medio século de vida.
Tamén nos quedamos esta vez sen a despedida dos mómaros, que este ano só puideron bailar ao pé da capela de San Miguel de Breamo, con máscaras e todo, por mor do maldito virus. Sempre recordo que chegabamos tardísimo a casa para xantar porque non queriamos perder ese maxistral último baile que non se repetiría ata o ano vindeiro.
O Combate Naval e os Fogos Artificiais quedaron tamén suspendidos pola enorme
cantidade de xente que sempre acude a Pontedeume para velos. Eu lembro ben que o meu pai nos levaba de nenos no Cariña de Rosa para velos desde o mar e que logo atravesabamos a ponte de pedra, sempre por debaixo do sexto arco, para deixar preparado o caiuco para visitar ao pai Eume, na xira ao río coa que remataban as festas.
Non podo esquecer á xente coa que celebrabamos cando eu era un neno esta profana romaría fluvial, e tamén a de San Miguel de Breamo, que vive na nosa memoria do corazón.