A concelleira de Transportes, Mar Gómez, remitiu un escrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e á de Infraestruturas e Mobilidade solicitando a reparación de marquesinas nas estradas de Cedeira –AC-566- e Valdoviño (por San Mateo e O Val) –AC-116- ao seu paso polo termo municipal. A maiores, no documento, que se remitiu cun informe redactado pola Policía Local, demándase a instalación de marquesinas en varias paradas de transporte público localizadas no citado vial e que carecen das mesmas.
A edil naronesa explicou que na AC-566, en dirección cara a Cedeira sería preciso instalar marquesinas nas paradas ubicadas nos puntos quilométricos 1,900; 2,600 e 4,300, se ben no sentido contrario, de Cedeira a Ferrol, precisaríanse nas paradas dos puntos 0,700 e 1,900. En canto á estrada AC-166, de Narón a Valdoviño por San Mateo e O Val, dende o Concello solicítase a instalación de marquesinas nos puntos quilométricos 4; 4,800; 6,500 e 7 en dirección cara a Valdoviño e nos 2 e 6,900 dende Valdoviño cara a Narón. “Estas once paradas non teñen marquesina, co problema que supón para as usuarias e usuarios do servizo de transporte público, que carecen dun espazo donde poder sentarse e resgardarse en caso de choiva mentres esperan o autobús ou cando se baixan del”, indicou Gómez.
En canto ás demandas realizadas á Xunta, a edil de Transporte incidiu no mal estado de conservación no que se atopan tamén marquesinas localizadas na estrada de Cedeira, adxuntando imaxes dalgunhas como a ubicada no punto quilométrico 2,500, cun cristal roto e outro estalado. “A maiores de problemas como este, nesa mesma marquesina queremos denunciar a súa inaccesibilidade pola ubicación, xa que a instalaron ao outro lado dunha gavia de recollida de augas pluviais no que, a maiores, hai unha pendente pronunciada, co que iso supón para as persoas con mobilidade reducida ou mesmo para calquera usuaria ou usuario cando chove”, recalcou Gómez.
“A falta de mantemento destas estructuras, que presentan un estado de total abandono, é tal que algunha parada, como a ubicada no punto 4,200 da estrada de Cedeira carece de cristais”, explicou.
“A Xunta debe facerse cargo do mantemento destas instalacións e ubicalas en todas as paradas de transporte público para atender correctamente o servizo que se está prestando ás usuarias e usuarios”, recalcou a edil, que trasladou á Xunta as numerosas queixas formuladas ao respecto e urxiu unha solución a estes problemas sobre os que xa se informou en anteriores ocasións.