Os Concellos de Cedeira e de Valdoviño están a colaborar nun proxecto de recuperación dos bancos marisqueiros dos dous municipios impulsado pola Confraría de Pescadores de Cedeira e as Mariscadoras a Pé, axentes activos da iniciativa. O proxecto, que conta co respaldo da Consellería do Mar, está financiado nun 75% polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).
O obxectivo principal é a retirada do lixo mariño, tanto o de procedencia do sector
pesqueiro como vellas artes de pesca e embarcacións como o de orixe cidadá e, para iso, as mariscadoras e mariscadores realizarán de aquí a decembro unha serie de saídas para a recollida dos residuos.
A primeira tiña lugar a semana pasada, coa participación de 15 persoas, na zona do Funil, en Pantín. É precisamente esta unha área a recuperar, hoxe moi degradada pero que co traballo a realizar nos próximos meses preténdese recuperar e pór en valor como banco marisqueiro. De alí retiraron máis de 4 toneladas de madeira e ferro, pero tamén moitos outros residuos que é difícil imaxinar. As mariscadoras tiveron tamén que cuantificar e clasificar o lixo por tipoloxía e, unha vez pesado, foi depositado nos contedores que habilitou nesta ubicación o Concello de Valdoviño. Unha acción pola que o colectivo percibirá unha retribución equivalente a unha xornada de traballo.
Así mesmo, o proxecto tamén contemplou diversas accións de formación previa para as mulleres e homes participantes e, nestes momentos, estase a traballar na elaboración dunha guía de boas prácticas e dun tríptico informativo para difundir entre a veciñanza e tamén o sector (compradores de lonxa, distribuidores de produtos pesqueiros, transportistas…).
Este material, xunto á cartelería, configurarán unha campaña de sensibilización
e concienciación respecto á necesidade de preservar o noso medio natural, neste caso tamén motor económico a través da creación de emprego vencellado.
Estas accións son claves tanto para o traballo das mariscadoras e todo o sector así como para o futuro do mar e para concienciar á cidadanía do problema e se responsabilice, porque o lixo é de todos e todos somos responsables.