José Fonte Sardiña
En Pontedeume, cando eu era novo ―foron tempos―, celebrábanse con moita fachenda as festas na honra de san Cristovo, tamén chamadas dos Taxistas, que contaban coas mellores orquestras que daquela había en Galicia, entre as que nunca faltaban Los Satélites, a que máis sona tiña de todas, e o Grupo Lumbre, logo chamado tamén Os Eumeses, no que a maioría dos seus compoñentes eran da vila ou a bisbarra. As festas mesmo chegaron a durar catro días nos tempos do Bólido.
O dez de xullo saía en procesión san Cristovo subido na baca dun taxi e acompañado
por unha gran caravana doutros taxis e tamén de coches particulares, e percorría as parroquias de Pontedeume e outros concellos bañados pola ría de Ares. Moita xente
contemplaba a saída da peculiar procesión de vehículos desde as terrazas do Martiño ou do Nevada, as mellores da vila naqueles tempos.
A imaxe do santo, que se gardaba todo o ano na gasolineira e aínda hoxe segue alí,
nunha urna de cristal, estaba inspirada na súa haxiografía. Conta a lenda que Cristovo
era un xigante dedicado á milicia ata que un día un monxe eremita lle falou de Deus e o soldado decidiu converterse, abandonou o exército e preguntoulle ao anacoreta como debía servir ao seu novo Señor. O relixioso propúxolle que utilizase a súa enorme estatura e forza para axudarlles aos camiñantes a vadear un río que por alí había (Foto de Aurora Lapique).
Así o fixo e, un día, un neniño que por alí pasaba pediulle que o levase á outra beira no
seu colo. O xigante aceptou con gusto, crendo que lle sería doado transportar a alguén
tan pequeno, pero, consonte avanzaba polas augas cara á outra orela, o peso da criatura íaselle facendo cada vez máis difícil de aturar. Vencido aquel home de ben polo esforzo, tivo que ser o neniño o que o salvase de afogar. O xigante, moi sorprendido, preguntoulle por que lle resultaba unha carga tan pesada sendo el ben miudiño e o neno respondeulle que porque el era Cristo e cargaba co peso da humanidade (Foto de Aurora Lapique).
Por este motivo, o Neno Xesús aparece coa bóla do mundo na man nas tallas de san
Cristovo que se aloxan na gasolineira e no lado da Epístola da igrexa parroquial de
Santiago de Pontedeume, e rubido nela na súa, que se atopa no retablo de Santa Lucía
na mesma nave deste templo, que ás veces sae tamén en procesión o Domingo de
Ramos.
O pequeno díxolle ao xigante que a partir dese día se chamaría Cristovo, porque unha
vez transportara a Cristo, e por iso na actualidade é o patrón dos viaxeiros e os
transportistas.
Hoxe, en Pontedeume, o día da súa festividade, o dez de xullo, todo quedou reducido, o que non é pouco, a unha misa solemne na igrexa parroquial da vila e á procesión, no seu trono, arredor do adro, da imaxe de san Cristovo que alí se aloxa, portada por catro profesionais do taxi. O santo aparece en actitude de camiñar, apoiado nunha modesta vara que agarra coa man dereita e levando sobre o ombreiro esquerdo, como na lenda, ao Neno Xesús, que bendice o pobo coa súa destra e carga coa bóla do mundo na sinistra.