José Fonte Sardiña
A forzosa reclusión que levamos aturando con infinita paciencia durante este longo mes de confinamento ―e o que nos queda―, e que nos deixa cada día unha desacougante riada de mortes, faise máis doce e soportable coas boas lecturas dos libros amados, dos que xa non están con nós ―como maxistralmente dicía Quevedo, “Retirado en la paz de estos desiertos, / con pocos pero doctos libros juntos, / vivo en conversación con los difuntos / y escucho con mis ojos a los muertos”― e dos que temos a sorte de que sigan creando. Pouco tempo despois da presentación en Santiago de Compostela da “Señardade” de Alejandra Bellón, onde felizmente coincidín co meu mestre Fernández Abella ―nunha noite na que a lúa chea brillaba pimpante na Quintana de Mortos, como naquel delicioso poema en galego de Federico García Lorca―, pensamos en presentar en Pontedeume estas “Loanzas sentidas e outros poemas”; fixemos as chamadas pertinentes para ver se era viable e non puidemos atopar mellor disposición por parte do Concello; e alá marchamos á nosa vila o 10 de maio do pasado ano e inauguramos así os actos da Semana das Letras Galegas.
No curso 1974-1975, botaba a andar o colexio ―daquela chamado nacional―
Arzobispo Rajoy, pouco despois bautizado como Couceiro Freijomil, ao que eu tiven,
con só dez anos, a sorte de acudir como estudante de quinto ―deixando así a vella
escola do Pescador―, e que acollía nun mesmo centro aos parvuliños e aos alumnos dos oito cursos do que entón era denominado EXB, que estabamos espallados por todas as parroquias de Pontedeume en diversos edificios. Un dos novos profesores ―creo que chegou un par de anos despois de ser inaugurado―, o poeta Xoán Xosé Fernández Abella, dicíanos no idioma vernáculo, que daquela estaba case por completo ausente do recentemente estreado complexo educativo, cousas tan inauditas para nós nas aulas como que “a min a lingua galega / naide ma pode tirar. / Aínda que mudo ficase, / falaríaa co pensar”.
El foi o que lle puxo letra en galego ao himno do colexio, na que nos transmitía a
fermosa lección de que tiñamos que ser compañeiros sempre e camiñar por vieiros de
nobreza e bondade; tamén nos animaba a escoitar as verbas santas do amor e da xustiza, e a levar nos nosos corazóns a arela de que o amor fose o latexar da nosa vida. A música fora cousa doutra magnífica mestra, María Lamas Vázquez, unha eumesa de toda a vida que, ademais de impartir as súas clases, se encargaba de dirixir o coro do colexio, que cantou o himno en público por primeira vez en 1977. Cincuenta anos despois, tivo a xentileza de mandarme a partitura que para min é unha verdadeira xoia.
O que fora director da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, di no limiar
destas “Loanzas sentidas e outros poemas”, que fai de Pórtico da Gloria deste libro, que Xoán Xosé Fernández Abella “é hoxe, de non errarmos, o vicedecano da poesía galega, pois o decano é esa voz prodixiosa e excelsa que se chama Víctor Campio Pereira”.
Despois do seu triste pasamento, Abella ocupa por dereito ese ilustre e simbólico cargo de decano dos poetas galegos. E que Deus lle dea longa vida para seguir escribindo
acotío e facernos así gozar a nós dos seus poemas.
As primeiras loanzas deste poemario, entre elas trinta e seis con forma de soneto
―trinta e tres deles en hendecasílabos e tres en alexandrinos, e mesmo hai tamén un que remata cun estrambote―, son para escritores, escultores, pintores, debuxantes, cantores, músicos, loitadores, pedagogos e amigos, que destacaron na súa profesión e asemade no seu compromiso cos humildes, os asoballados, os parias da terra, e con Galicia, o seu ser, a súa idiosincrasia, a historia, a cultura e nomeadamente a nosa lingua, como, entre outros, Rosalía de Castro, Avelino Pousa Antelo, Baldomero Cores Trasmonte, Valentín Paz-Andrade, Manuel Espiña Gamallo, Siro, Miro Casabella, Xosé Chao Rego, o grupo A Quenlla, Ricardo Carballo Calero, Isaac Díaz Pardo, Xesús Ferro Couselo, Víctor Campio Pereira, Manoele de Felisa, Xaquín Marín, Xosé Neira Vilas, Manuel Leiras Pulpeiro, Salvador García-Bodaño ou Concepción Arenal, da que este 2020 celebramos o bicentenario do seu nacemento.
O segundo capítulo das loanzas vai de mártires e heroes e con elas homenaxea ao
torturado no franquismo Luís Ferreiro, ao guerrilleiro Xosé Luís Castro Veiga, a Xohán Xesús González, Manuel Ponte Pedreira, Manuel Rodríguez, Manuel Díaz Pan e todos os que deron a vida na defensa da legalidade republicana e da xustiza, e tamén a Nelson Mandela. Os catro sonetos, desta volta todos hendecasílabos, volven ser clara maioría entre estes seis poemas.
Os cinco deportistas loados no terceiro apartado son Iker Casillas, cun soneto
hendecasílabo; Messi, cun soneto alexandrino moi laudatorio no que así e todo non se
omiten os seus problemas con Facenda; Xavi, con dúas décimas; e Pau Gasol e o
ferrolán Xavier Gómez Noia con cadansúa décima.
No apetitoso e algo larpeiro capítulo cuarto, chamado “Dun restaurante, dunhas adegas e dun cocido”, presenta catro poemas que gaban a nosa gastronomía, con tres décimas e un poemiña dialogado.
Por último, no apartado quinto, volve elevar o ton do seu discurso con temas de fondo
carácter social, como a chamada á mocidade en 1955, co gallo da morte de Ortega y
Gasset, á rebelión contra a ditadura, a defensa da lingua e a literatura galegas, as
denuncias do xenocidio de Gaza e os palestinos, e da violencia machista contra a muller, o tratamento da discapacidade no ensino, a defensa das árbores autóctonas, o seu firme compromiso cun cristianismo baseado no amor e no verdadeiro perdón, do que o soneto dedicado ao teólogo Andrés Torres Queiruga “Se Deus non fose amor, non fose nada” é un marabilloso exemplo. Un poema dedicado á cidade de Santiago de Compostela, que el e mais eu temos tan pretiño das nosas casas, e outro ao Pico Sacro, que protexe e vixía a nosa urbanización dos Tilos, completan este capítulo.
A xeito de posdata, pois non está no libro, quero tamén lembrar aquela décima que
Fernández Abella cantou en Pontedeume, no Recital Poético Homenaxe a Ramiro
Fonte, o nove de setembro de 2017, na que reclamaba un Día das Letras Galegas para o noso bardo. Eu penso tamén que os tempos son chegados.