Carvalho e Ferrol

Ferrolterra Antiga

Malia que estes días o coronavirus está a ser o monotema recorrente, correspóndenos seguir falando daquelas cuestións que se vinculan coa nosa cultura para non deixar que a
presente situación sexa motivo de remate das nosas inquedanzas e obxectivos.

Dito isto, o tema que queríamos achegar hoxe aos lectores é o vinculado á relación
tan estreita entre o homenaxeado polas Letras Galegas neste ano 2020 e a súa cidade natal.

Tomando coma base o mesmo discurso de Carvalho Calero no Ateneo Ferrolán en xuño de 1983, albiscaremos unha serie de elementos a ter en conta á hora de falar da traxectoria histórica de Ferrol.

En efecto, seguindo as verbas do profesor, sempre que falamos da Cidade Departamental, témonos que fixar na peculiar condición que lle viu imposta no s. XVIII, cando, por mor das necesidades de defensa do Estado, a nosa contorna viuse alterada de xeito considerábel ao intensificar os vínculos de Ferrol coas dinámicas centralizadoras levadas ao cabo polo Reformismo Borbónico. Coma herdeiro destas estruturas, o Estado contemporáneo non viu mudar esta situación; o que explica en grande medida a relación de destacadas figuras ferrolás coa historia xeral de España (pensemos en Concepción Arenal, José Canalejas, Pablo Iglesias…). Resulta imposíbel non considerar esta situación para todoaquel que se queira achegar á comprensión da nosa cidade.

Mais, como bo estudoso da inmensidade deste recuncho chamado Galiza, Ricardo
Carvalho Calero non podía deixar de destacar que, máis aló deste relato que conecta có do Estado, había outras historias que contar sobre ese Ferrol que ata 1690 fora unitariamente galego do ponto de vista cultural, se prescindimos da rudimentária vida oficial. Unha oficialidade que medrou cara o século seguinte e que, como temos aludido, semellou e semella deixar a un lado perspectivas e personaxes alternativos.

Así, Carvalho lembraba ao público a importancia de figuras tan sobranceiras coma Benito Vicetto, Aurelio Ribalta, Manuel Comellas (o seu admirado mestre), Jaime Quintanilla, Charlón e Ermida… unha serie de persoas que nos conectan integramente coa nosa terra, lugar onde precisamente xerminaron as súas inquedanzas. A maiores, consciente da importancia de Ferrol coma bastión do progresismo na Galiza, o profesor non podía esquecer de Francisco Suárez nin do seu sucesor na xefatura do republicanismo local, Santiago de la Iglesia. Coma vemos, unha plétora de nomes que engrosan e enriquecen a nosa cidade.

En definitiva, Ricardo Carvalho Calero era un grande coñecedor da historia da súa
cidade natal, e era ben consciente da relación desta coa súa terra e o resto do Estado. As súas ensinanzas deben estar presentes a día de hoxe nunha comunidade desmemoriada que se ve inmersa noutros relatos máis acomodaticios para certos sectores da mesma. Teñamos en conta que en todos nós está a posibilidade de repensar o pasado, rescatando aqueles nomes e feitos que, sen dúbida, contribuirán á construción dunha comunidade mellor.

Rematar desexándovos moito ánimo nestes intres tan incertos. Forza a todos e todas!

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …