A concellería de Facenda, que dirixe María Teresa Deus, ten listas as primeiras medidas do Concello para paliar as consecuencias económicas da epidemia de COVID-19 e a declaración do estado de alerta debida á rápida expansión do coronavirus. Mentres se traballa nunha serie de axudas directas de apoio aos autónomos e pequenos negocios que estean a padecer os graves efectos da inactividade, a intención do goberno local é poñer en marcha un programa de flexibilidade fiscal.
Este implica a modificación do calendario do contribuínte aprobado para este ano 2020, que adiará as datas límite para a cobranza voluntaria. No referido aos pagos establecidos entre o 5 de febreiro e o 6 de abril, o último día desprázase ata o 6 de maio, salvo os que xa se cargaron en conta o mes pasado. Os programados entre o 5 de marzo e o 5 de maio atrasaranse ata o 5 de xuño, e os que ían do 6 de abril ao 8 de xuño terán como data límite o 20 de xullo.
Estes cambios, que serán recollidos no próximo número do Boletín Oficial da Provincia (BOP), entran en vigor hoxe. O documento que os recolle contempla unha serie de medidas destinadas ás familias e ao tecido empresarial para paliar o impacto económico negativo da epidemia de COVID-19. Entre elas está o aumento dos prazos para o pago de débeda tributaria en período voluntario e executivo, para o pago de fraccionamentos, para atender requirimentos, dilixencias de embargo ou solicitudes de información con transcendencia tributaria e para formular alegacións.
Isto implica a ampliación automática ata o 20 de maio (se vencera antes) de calquera prazo aberto con posterioridade ao 18 de marzo. Tamén, que mentres dure o estado de alarma se suspenderán os procedementos de embargo e a emisión de notificacións, e só se realizarán os trámites imprescindibles e que se consideren menos gravosos para os contribuíntes.
Concederase un aprazamento do ingreso de débedas correspondentes a liquidacións, declaracións-liquidacións ou autoliquidacións cuxo período de ingreso remate entre o 13 de marzo e o 30 de maio, ambos inclusive, sempre que sexa por débedas inferiores a 6.000 euros. O novo prazo será de seis meses e non se devindicarán xuros de mora durante os tres primeiros.
Recomendación aos hostaleiros de que non paguen ata recibir as cartas corrixidas
Un dos sectores aos que afectarán estas novidades é o da hostalería. Os negocios que dispoñan de terrazas na rúa verán reducido o imposto correspondente ao padrón de mesas e cadeiras proporcionalmente ao período de inactividade obrigada polo estado de alarma. Esta dedución calcularase cando conclúa a suspensión de apertura ao público.
Os documentos de ingreso xa foran remitidos polo Concello antes do inicio da crise do coronavirus, pero dende a área de Facenda recoméndaselles aos contribuíntes que non realicen os abonos, posto que se remitirán novas cartas de pago cos importes corrixidos.
No caso dos negocios que xa efectuaran o pagamento, a bonificación que lles corresponda realizarase con posterioridade.
Plusvalía
En canto á presentación de declaracións do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, a coñecida coma plusvalía, queda suspendida mentres estea vixente o estado de alarma.
No caso de notificacións de actos ou resolucións antes do 14 de marzo, se o período de recurso non concluíra á entrada en vigor do Real Decreto 463/2020, o novo prazo para presentalo sería dun mes contado a partir do 1 de maio ou, no seu caso, do día seguinte ao que deixen de ter efecto as posibles prórrogas do citado Real Decreto.