O alcalde, na celebración do Día da Clase Obreira Galega: “É momento de ir recuperando dereitos laborais”

Imaxe do acto institucional do 10 de marzo | Concello de Ferrol

Ferrol celebrou esta mañá o Día da Clase Obreira Galega cun acto organizado polo Concello e os sindicatos ante o monumento que lembra os sucesos do 10 de marzo de 1972. Ao pé da estatua, representantes do BNG, Ferrol en Común, PP, PSOE, MAS, USTG, UGT, CC.OO. e o alcalde depositaron flores coas que compuxeron a bandeira galega. Na súa intervención, Ángel Mato destacou que Ferrol foi “pioneira na loita polos dereitos dos traballadores e polas liberdades” e que “non é casualidade” que agora sexa o centro da celebración do Día da Clase Obreira Galega.

O rexedor lembrou que en Ferrol se produciron as primeiras folgas contra o franquismo e que aquí se viviron os tráxicos sucesos que se conmemoran hoxe. “Debémoslle moito a aquel movemento que naceu nos estaleiros ferroláns en plena ditadura e que hoxe, en democracia, segue a reivindicar un futuro non só para os traballadores do naval, senón para a cidade e para toda a comarca”, asegurou, e reclamou “a necesaria modernización das instalacións” de Navantia para que sigan a ser “o motor industrial e económico” da comarca. O alcalde afirmou que no referido a esa reivindicación, como en outras, os empregados do naval “teñen ao seu lado á cidadanía e, por suposto, ao Concello”. Dixo tamén que a situación que se vén arrastrando dende o inicio da crise debe dar un xiro, porque “é o momento de ir recuperando laborais perdidos” para que se empecen a compensar “os sacrificios que fixeron os traballadores” para arranxar os problemas da economía.

Para rematar, Mato quixo lembrar a Amador Rey e Daniel Niebla, “que pagaron coa vida a procura dunha sociedade máis xusta. Grazas a moita xente coma eles, que non dubidou en arriscalo todo, hoxe gozamos do período máis longo de liberdades na historia deste país”.

Ofrenda floral no Bertón

Momentos antes do acto en Recimil, o alcalde presidiu no Bertón a ofrenda floral no monolito dedicado a Julio Aneiros, co que Ferrol, “coma todo o país, estará sempre en débeda”. Mato repasou a traxectoria do histórico sindicalista, que, tras detencións e torturas, pasou os últimos anos da ditadura, despois dos sucesos do 10 de marzo, no cárcere. O fillo de Aneiros e o propio rexedor foron os encargados de depositar o ramo.

Lea también

Una joven alcanzada por un vehículo en un paso de peatones en A Gándara, Ferrol

Una joven resultó herida minutos antes de las doce del mediodía de esteviernes tras ser …