O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol defenderá no vindeiro pleno unha moción para mellorar a sanidade pública e esixir da Xunta a dotación de orzamentos e persoal necesario nos centros de saúde. Ademais, anima a participar na manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública para o domingo 9 de febreiro con saída ás 12:00 horas da alameda de Santiago de Compostela.
Na moción que traslada o BNG, de acordo coa Plataforma SOS Sanidade Pública, «atribúese esta precaria situación á política sanitaria da Xunta de Galicia, cos recortes de recursos, desmantelamento de hospitais comarcais, abandono dos Centros de Atención Primaria, ocultación e manipulación das listas de espera, precarización e explotación do persoal e privatización de servizos«.
As protestas dos Centros de Saúde, que a area sanitaria de Ferrol «conte coas peores cifras nas listas de espera para consultas externas de toda Galiza, o continuos colapsos do servizo de Urxencias do CHUF ou a “deficiente atención pediátrica” na comarca de Ferrol ante a falta de profesionais nos concellos de Fene, A Capela, Ares, Mugardos, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas e a ausencia de pediatras no Centro de Saúde das Pontes, son algunhas das manifestacións do malestar cidadán fronte a esta crise sanitaria«.
O BNG salienta que «debemos esixir con rotundidade os nosos dereitos e esixir da Xunta de Galiza que poña os medios necesarios para que en Ferrol e os municipios da súa Area Sanitaria dispoñamos duns servizos sanitarios públicos de calidade«.
Deste xeito reclámase esixir «o cese da política de desmantelamento e peche de servizos, revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade; reducir as listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos, ademais de publicar as listas de espera ocultas e acabar coa súa manipulación; paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios da área sanitaria, actualmente moi insuficientes; acabar coa política de privatizacións de recursos e de derivar pacientes as clínicas privadas de xeito innecesario; e acabar coa política de persoal dos servizos de saúde baseada na precariedade e na explotación laboral«.