José Fonte Sardiña
Entre as festividades da Noiteboa, na que se conmemora o nacemento do Neno Xesús, e a Noitevella, na que se celebra e despedida do ano que se vai e a chegada do que comeza, o vinte e oito de decembro reservamos a xornada para gastar unhas bromas a amigos e coñecidos que chamamos inocentadas.
Son moitos os que participan nestas tradicionais argalladas pero talvez non todos saiban que o día dos inocentes tivo a súa orixe na matanza, ordenada por Herodes, de todos os nenos menores de dous anos de Belén e a súa bisbarra para acabar co que moitos adoraban como rei.
A escena evanxélica foi magnificamente representada nas pinturas murais de finais do século XV da catedral de Mondoñedo, onde o mestre Ramón Loureiro contempla o nacemento, como en cada Nadal, do Rei dos Anxos, e comeza, na noite da noite de Reis, a máxica cabalgata na que acompañará a Mechor, Gaspar e Baltasar, os primeiros peregrinos da cristiandade, na carroza que León de Bretaña lles preparara, para repartir os agasallos polos lugares da súa infancia e chegará á casa do Forno de Pedre, para concluír a marabillosa viaxe que nos narra na súa novela Al Rey de los Ángeles.
Conta o Evanxeo de san Mateo que “Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei
Herodes. Pouco despois, uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
―¿Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá en Oriente e estamos aquí para lle rendermos homenaxe (Figuras dos Reis Magos que acompañaron a Ramón Loureiro mentres escribía Al Rey de los Ángeles).
Oído isto, o rei Herodes alporizouse e con el toda Xerusalén, e convocou os sacerdotes eletrados do pobo para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías.
―En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta: E ti Belén, terra de Xudea, / de ningún xeito es a máis pequena / entre as vilas de Xudea, / que de ti sairá o guía / que será o pastor do meu pobo de Israel― responderon eles (Maqueta do Palacio de
Herodes).
Entón, Herodes, en segredo, chamou aos magos para se informar ben de cando se lles aparecera a estrela. Logo, mandounos a Belén, dicíndolles:
―Ide e comprobade cumpridamente todo o que se sabe dese neno; e, unha vez que o
atopedes, avisádeme, que eu tamén quero ir onda el para lle render homenaxe (Salterio de Ingeborg).
Eles, despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. A estrela que viran saír no Oriente
foinos guiando ata se deter enriba do lugar onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ao veren a estrela alí pousada. Cando entraron na casa, atoparon a criatura con María, a súa nai, prostráronse e rendéronlle homenaxe. Logo, abriron os seus tesouros e ofrecéronlle como agasallo ouro, incenso e mirra. Despois, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron cara á súa terra por outro camiño (Tímpano de San Fiz de Solovio en Santiago de Compostela).
En canto se foron, un anxo do Señor aparecéuselle a Xosé en soños e díxolle:
―Érguete, colle a Xesús e mais a María e fuxe cara a Exipto. Non te movas de alí ata
que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para o matar.
Xosé ergueuse, colleu o neno e mais a nai pola noite, e alá se foi cara a Exipto. Alí
permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta: Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto (O soño de Xosé de Gaetano Gandolfi e A fuxida a Exipto de Rembrandt).
Herodes, decatándose de que fora burlado polos magos, encheuse de carraxe. E botandocontas polos datos que eles lle proporcionaran, mandou matar a todos os nenos menores de dous anos de Belén e a súa bisbarra. E foi así como se cumpriu tamén o que dixera o profeta Xeremías: Oíuse un berro en Ramah, / laios e moito lamento: / Raquel choraba polos seus fillos, / e non tiña consolo porque xa non existían” (A matanza dos inocentes nas pinturas murais da catedral de Mondoñedo).
Tomado e traducido do Evanxeo de san Mateo, 2, 1-18.