O pasado día 2 de decembro convidamos a tomar a palabra na nosa sección no programa `Unha tarde no muíño´, da Radio Filispim, a Fernando Dopico Blanco. O tema a tratar xiraba en torno ó precedente histórico do Camiño de Santiago e de qué xeito encaixaba a vila medieval de Ferrol con dito pasado.
Así, falouse dos itinerarios, máis que itinerario, que percorrían toda Galiza cara Compostela. Estes seguían os camiños óptimos, adaptándose no seu percorrido ás posibilidades de tránsito existentes; empregando xa daquela os precedentes viarios do pasado, coma poderían ser as vías romanas. Os puntos de partida para chegar á Tumba do Apóstolo eran variados; podéndose iniciar dentro da propia terra a partires de calquera vila que constituíra un porto de montaña ou un peirao sito nalgunha das nosas rías. Dentro deste último xénero, malia tódalas opcións existentes, semella que, pola relevancia que se intúe a partires da documentación, era A Coruña a grande porta de peregrinos chegados dende as latitudes setentrionais. Isto non supón que outras vilas costeiras non recibisen peregrinos, tan só que o seu número era máis modesto e que non quedan testemuños suficientes coma para asegurar unha arribada continua.
Respecto ás procedencias, dicir que estas eran múltiples; podendo ser os francos o grupo percibido coma o máis abondoso. Polo menos iso é o que semella ó atender a denominación coa que se coñecían as vías polas que circulaban os peregrinos; ó figurar os nomes de camiños non só `reales´, senón tamén `franceses´. E é que o de `Camiño Inglés´ é unha denominación que xurde cara a década dos 80 do xa pasado século; sen constancia previa do seu uso.
Encaixando a vila de Ferrol con este panorama, temos que ter en conta que dito núcleo recibiría a súa carta póboa de cara a comezos do s. XIII; momento marcado pola auxe da cristiandade europea e das rutas de peregrinación. O Ferrol que nos atoparíamos sería un núcleo que abranguería o entorno do que hoxe coñecemos coma Ferrol Vello; sendo nun primeiro intre un conxunto de vivendas e, en fronte delas, a primitiva igrexa de San Xiao, nun saínte de terra mirando cara dúas illas pedregosas.
A medida que foi avanzando o que denominamos coma Baixa Idade Media (ss. XIV-XV), a vila foi medrando de xeito concéntrico e dotándose dunha muralla que lle daba certa entidade; atopándose fóra desta, no alto, o convento franciscano do que toma nome a igrexa castrense actual. Este crecemento urbán ponse en relación a un dinámico comercio desenvolto nestes séculos; sendo o peirao un punto de interese para os clans nobiliarios trasanqueses de cara a facer fortuna participando nun eixo marítimo que vinculaba o Atlántico có Mediterráneo. A idea de `villa de pescadores´ para se referir a este Ferrol queda pois anulada polo que é, xunto con outros núcleos costeiros da época, un auténtico punto de dinamismo dentro do contexto baixomedieval. Sería este o núcleo, do que aínda fica moito por indagar, o que poderían ver os posíbeis peregrinos que arribasen ó seu peirao.
Deste xeito, o que actualmente se nos vende coma un camiño singular. con nome propio e cun itinerario ríxido partindo dende Ferrol. é algo moi distante do que foi a ruta de peregrinaxe; que sinxelamente se insería nunha densa rede de rutas marítimas e terrestres, onde primaba a valoración da distancia máis curta con tal de chegar a Santiago.
Certo é que, dado que o relevo non se ten modificado substancialmente, o percorrido aludido a día de hoxe non difire en grande medida do viario medieval; mais temos que entender que o criterio do peregrino de entón, máis que se deixar guiar por frechas amarelas, valoraba a proximidade de fitos de apoio ó seu itinerario coma pontes, mosteiros, hospitais etc…
No referido ó punto de partida do actual Camiño Inglés, non deixa de ser curioso que non haxa unha promoción máis intensa do que supuxo a vila de Ferrol coma enclave das rutas de peregrinación e comerciais desenvoltas no Medievo. O dito podería, dunha vez por todas, romper con esa pasividade respecto ó Ferrol Vello; promovendo o coñecemento da orixe da cidade e a consecuente revalorización do seu trazado máis antigo. Claro está que non se pode obviar todo o que se desenvolveu a partires do s. XVIII; mais para dar unha idea de acción sustentada no pasado, temos que ser conscientes do que existía naquel intre no que xentes procedentes de moitos lugares da Europa chegaban a Galiza para lle render tributo ó Apóstolo. Só así se fará da ruta a Compostela un auténtico motor cultural no canto de soamente económico.