Os motivos do sorriso de Daniel no Pórtico da Gloria compostelán

José Fonte Sardiña

Parece claro que o sorriso cativador e algo retranqueiro que o Mestre Mateo ―representado ao pé da súa monumental obra como o Santo dos Croques― lle puxo ou fixo poñer a Daniel no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela é debido ao episodio que este mesmo profeta nos relata no seu libro, no que conta a súa reacción cando lle demostrou ao rei Ciro o Persa que eran os sacerdotes e as súas familias os que comían e bebían as ofrendas que o pobo lle presentaba a Bel e non o ídolo, como todos pensaban.

Esta é a pasaxe que eu traducín á nosa lingua: “Tiñan os babilonios un ídolo chamado Bel, en cuxo honor gastaban diariamente máis de seis hectolitros de flor de fariña, corenta ovellas e máis de dous hectolitros de viño. Tamén o rei lle rendía culto e ía adoralo acotío.

Como Daniel só veneraba ao seu Deus, Ciro preguntoulle un día: ―¿Por que non adoras a Bel?

―Eu non adoro ídolos feitos pola man humana, senón ao Deus vivo, creador do Ceo e máis da Terra e señor de todo o vivente, respondeulle Daniel.

―¿Pensas que Bel non é un deus vivo? ¿Non ves canto come e bebe cada día?, replicoulle Ciro.

―Non te enganes, rei, este Bel é barro por dentro e bronce por fóra e non comeu xamais, respondeu Daniel rindo.

O rei, cheo de cólera, chamou os sacerdotes do ídolo e díxolles: ―Se non me dicides quen é o que come estas ofrendas, morreredes, mais se demostrades que é Bel o que as come, morrerá Daniel, por blasfemar contra el.

―Fágase consonte a túa palabra, contestoulle Daniel ao rei.

Eran setenta os sacerdotes de Bel, sen contar as súas esposas e fillos. Ciro e Daniel foron onda o templo de Bel e os seus sacerdotes dixéronlles: ―Mirade, nós marchamos de aquí e ti, noso rei, fai que se dispoñan na mesa os manxares e o viño ofrendados, logo pecha a porta e precíntaa co teu selo. Se mañá cedo, cando volvamos ao templo, vedes que Bel non comeu todo o que estaba servido, nós quedaremos sentenciados a morte; no caso contrario, será Daniel o condenado a morrer porque mente contra nós.

Os sacerdotes estaban tranquilos porque fixeran debaixo da mesa unha abertura secreta pola que entraban regularmente e comían e bebían as ofrendas. Cando saíron, o rei fixo depositar as viandas e o viño diante de Bel. Así e todo, Daniel mandoulles aos seus criados que trouxesen cinza e que a ciscasen cunha peneira por todo o templo en presenza do rei. Logo saíron, pecharon a porta, precintárona co selo real e marcharon.

Durante a noite, os sacerdotes entraron, como o facían decote, coas súas esposas e fillos, e comeron e beberon todo. Coa alba do día, o rei foi onda o templo acompañado polo profeta do sorriso.

―¿Daniel, están intactos os selos?, preguntoulle cando chegaron.

―Están, meu rei, respondeulle Daniel.

Abriron a porta e o rei botou unha ollada.

―¡Grande es, Bel, e non hai en ti engano ningún!, exclamou a grandes voces.

Así e todo, Daniel riu, detivo ao rei para que non entrase e logo dixo: ―Mira ben o pavimento e comproba de quen son esas pegadas.

―Vexo pegadas de homes, mulleres e nenos, respondeu o rei, moi sorprendido.

Cheo de carraxe, Ciro fixo apresar os sacerdotes, coas súas mulleres e fillos, que admitiron o engano e lle mostraron a porta secreta pola que entraban a consumir o que había na mesa.

Así pois, o rei mandou matalos a todos e entregoulle a Daniel a imaxe de Bel, que a destruíu xuntamente co seu templo” (Libro de Daniel, 14, 3-22) (Están destacados en letra grosa os dous momentos nos que Daniel ri).

Así e todo, contan en Santiago de Compostela que unhas rimas populares no século XVIII lle atribuían o sorriso de Daniel ao feito de que lle gustaba moito ter á súa vista á raíña de Saba que o Mestre Mateo lle colocara diante del nunha das columnas do Pórtico. Hai quen asegura, e moitos investigadores son os que o avalan, que un arcebispo do século XIX mandou rebaixar o tamaño dos seos da raíña para atenuar a súa voluptuosidade.

Sexa como for, o certo é que Daniel non deixou por iso de sorrir.

 

Lea también

ConectaDERMA, el puente digital hacia el Dermatólogo–(Joaquín Espiñeira Sicre)

Joaquín Espiñeira Sicre Nunca hubo tanta preocupación por la piel y, al mismo tiempo, nunca …