Cristina Prados mostra a súa decepción ante a negativa da Xunta da subvención para contratar a mulleres maltratadas

A concelleira Cristina Prados, responsable da área municipal de Muller e Igualdade, criticou hoxe que o Concello de Ferrol fose excluído do programa de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco de Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

En concreto, os técnicos da concellería de Muller “levan tempo traballando”, explicou Prados, para presentar unha proposta para contratar a once mulleres de Ferrol que sufriron violencia de xénero: catro de categoría A2, tres de categoría C2 e catro para persoal subalterno. Hoxe, dixo, “comunicáronnos desde a Xunta que Ferrol queda excluída da subvención porque se esgotou a partida orzamentaria”, unha decisión, denunciou, “moi decepcionante” tendo en conta “o repunte en Ferrol das denuncias por maltrato”. Lamentou, ademais, que o traballo dos técnicos “fose en balde”. Por elo, a concelleira responsable da área de Muller quixo agradecer o “bo desempeño no seu traballo coa esperanza de conseguir un sopro de aire fresco e dar unha oportunidade laboral a mulleres de Ferrol”.

Prados lembrou que non é a primeira vez que a Xunta deixa fora a Ferrol en asuntos de Muller. O pasado verán, dixo, ao Concello tampouco lle foi concedida a axuda para a campaña Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual, unha iniciativa da Xunta de Galicia que pretende erradicar a violencia nos eventos multitudinarios, como os estivais.

A edil explicou que dende a súa concellería presentouse en prazo a solicitude para participar na campaña, pero “fomos excluídos porque a selección realizouse segundo a data de recepción das solicitudes”. Neste sentido, Prados dixo que “é indignante” que nun tema “tan importante” como a violencia de xénero “non se teñan en conta outros criterios de selección”, como é o “repunte das denuncias presentadas nos últimos tempos en Ferrolterra”, polo que solicita á Xunta que reconsidere os criterios de selección. Esta situación levou ao Concello a, cos seus medios, habilitar o punto violeta, que estivo presente nos concertos de maior afluencia de público.

A concelleira criticou á Xunta “polo trato que está a dar ás políticas de muller”, e lembrou as críticas vertidas pola popular Elvira Miramontes hai uns días. “Nos acusan de inactividade cando en realidade o que sucede é que paralizan as nosas iniciativas, a Xunta é quen nos trata como una concellería menor”.

Lea también

Inauguración de la jornada Ferrol, motor de proyectos transformadores con impacto

El teniente alcalde de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, participó en la mañana de este jueves …