A concelleira de Igualdade, Cristina Prados, inaugurou esta mañá o curso de autocoidados e xestión de emocións que se imparte na Casa da Muller e no que participan 39 mulleres, 15 en horario de mañá e 24 en horario de tarde. No inicio do curso, a edil mostrouse “moi satisfeita” pola boa acollida do taller e desexou ás participantes “que aproveiten ben o curso e consigan mellorar o seu día a día”. Prados, quen se interesou polos contidos que se impartirán nos próximos días, mostrouse segura de que servirá “para obter autosuficiencia e enerxía para afrontar as vosas vidas” e animou ás participantes a realizar as suxerencias que estimen oportuno.
De igual modo, as mulleres inscritas no curso agradeceron á concelleira a oportunidade de participar no obradoiro, que constará de catro xornadas en cada quenda e no que se tratarán asuntos como os hábitos saudables e nutrición, a prevención de enfermidades crónicas, o manexo da medicación, o estrés, a culpabilidade, a recuperación da autoestima, recursos fronte á violencia de xénero, a xestión das emocións e a meditación. O colectivo ao que vai dirixido son mulleres con especial vulnerabilidade e necesidades específicas como víctimas de xénero e as súas fillas, coidadoras de persoas dependentes, enfermas crónicas sen apoio familiar e mulleres maiores ou en risco de exclusión social.
Balance das actuacións de Muller
A concelleira aproveitou a inauguración do curso para lembrar as actuacións que a área de Muller realizou desde que ela tomou posesión como concelleira. Ademais do curso que arrincou esta mañá e que se alargará hasta finais de novembro, en setembro realizouse outro sobre autodefensa, no que participaron máis de 50 mulleres, e a próxima semana comeza outro sobre o uso do móbil, para o que aínda está aberto o prazo de inscrición. Dende a súa concellería tamén se ofertaron os campamentos infantís de verán e recentemente constituíuse o Consello Sectorial de Igualdade e Muller. A edil tamén lembrou que este mesmo mes a súa concellería colaborou na celebración do Día da Muller Rural coa asociación de mulleres rurais de Doniños, participou na VIII Xornada da Rede Galega contra a Trata Sexual, na que estivo presente o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e posteriormente o Concello cedeu o Jofre para a representación da obra “Invisibles”. Así mesmo, a concellería de Muller estivo na presentación do libro “Fragmentos del Corazón”, de Cristina Prieto, tamén coa presenza do rexedor.
Prados lembrou que ao Concello de Ferrol, por formar parte da Rede de Dinamización Lingüística, asignóuselle o espectáculo teatral Cinco minutos sen respirar, neste caso dentro das actividades de dinamización lingüística e organizado en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e no marco do programa de actividades “Nós contra a violencia”. Será de balde no Torrente Ballester o próximo día 3 de novembro ás 18.30 horas.
A muller, na axenda de todos
A concelleira fixo un chamamento a todos os partidos políticos e plataformas para traballar “unidos” pola muller e pediu “responsabilidade e prudencia” para un asunto “prioritario” que debe estar “na axenda de todos” nunha comarca na que “asistimos a un repunte das demandas por malos tratos”.
Neste sentido, o Centro de Información a Muller (CIM), no segundo andar da Casa da Muller, recibiu no que vai de ano a 210 novas mulleres, das que cerca do 90 % acudiron ao servizo municipal por asuntos relacionados coa violencia de xénero.