As lonxas que o arcebispo Rajoy lle mandara facer a Alberto Ricoy en Pontedeume

José Fonte Sardiña

Conta o sacerdote e profesor de Arqueoloxía, Historia e Patrística no Seminario
compostelán, José Couselo Bouzas, que “a munificencia de Rajoy coa súa vila natal non só se refería ás obras que se relacionaban coa relixión e o culto, senón tamén ás que tiñan por obxecto os intereses terreais e o benestar material dos seus habitantes. Esa era a finalidade das lonxas que o prelado determinou edificar no seu pobo no ano 1763. O propio párroco de Pontedeume, don Tomás Moreira e Montenegro, por mor da orde e facultade do arcebispo, fai, o vinte e oito de setembro dese 1763, un contrato con Ricoy, residente na vila desde máis de catro anos a esta parte, para a edificación de dez lonxas ou bodegas, para nelas fabricar sardiña salgada e outras cousas, na ribeira do mar, fronte á muralla que pecha a horta da excelentísima señora condesa de Lemos [Rosa María Fernández de Castro foi a duodécima condesa de Lemos entre 1741 e 1772, e tamén, xa que logo, condesa de Andrade e Vilalba e marquesa de Sarria. Aínda non existía o edificio do cárcere, construído entre 1853 e 1856] e á torre [o Torreón dos Andrade] pegada ao seu palacio [demolido en 1935]. Cada lonxa (fábrica de fomento e salgadura, que se di hoxe) tería de longo dezaoito varas en oco e oito de ancho. Entre a horta da condesa e a lonxa quedaría un espazo no que caiban dous carros á par [esa é, aproximadamente, a separación que hai actualmente entre os edificios do cárcere e os almacéns]. Pagaría Rajoy por esta obra doce mil reais” [tomado e traducido de José Couselo Bouzas: Galicia artística en el siglo XVIII y primer tercio del XIX, primeira edición Santiago de Compostela, 1933; edición utilizada, Santiago de Compostela, 2005, p. 566] [Debuxo de Villaamil de 1849].

As lonxas de Raxoi, que acollen entre outras cousas un albergue para peregrinos a
Santiago de Compostela polo Camiño Inglés e, provisionalmente, o mercado de abastos, que axiña abandonará estas dependencias unha vez finalizada a ansiada remodelación da Praza, fóronlle encargadas polo arcebispo a Alberto Ricoy, consonte se di no contrato de obra, porque levaba xa catro anos en Pontedeume realizando os traballos de construción das tres torres da fachada da igrexa parroquial que tamén lle foran encomendadas polo noso ilustre prelado.

Alberto Ricoy fixo, ademais, na fachada da igrexa parroquial da vila de Pontedeume, os relevos do apóstolo Santiago dacabalo, como miles Christi, e do escudo dos Andrade, coas dezaoito bandeiras da famosa batalla de Seminara ―librada polo conde don Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas― e a lenda Ave María.

Hai quen afirma que a torre esquerda da igrexa parroquial se dispón un chisco inclinada por expreso desexo de Alberto Ricoy, que a fixo con este pequeno defecto porque estaba enfadado co arcebispo Rajoy pola demora no pagamento das obras. Así e todo, contan tamén en Pontedeume que as tres torres da igrexa parroquial simbolizan as cruces nas que Xesús Cristo e os dous ladróns foron executados, e que a lixeira inclinación da torre esquerda é debida a que representa a Xestas, o ladrón que non se arrepentiu. Na iconografía cristiá, o lado esquerdo simboliza o mal, por iso nos di Castelao que “nos cruceiros galegos e bretóns endexamáis se vé o crucifixo con catro cravos, senón con tres, ao xeito renacentista, coa particularidade de que sempre, sempre, o pé dereito sobremonta o esquerdo” [Castelao: As cruces de pedra na Galiza, primeira edición Bos Aires, 1950, citado por Galaxia, Vigo, 1984, p. 151].

Esta idea de que as tres torres da igrexa parroquial de Pontedeume representan as cruces do monte Calvario tamén foi albiscada por Ramiro Fonte en Os meus ollos, cando narra o regreso da procesión do Encontro ao templo nas mañás dos Venres Santos: “Ritmo de palitroques. Os monagos arrastran dous longos ríos de xente ben medrados. Soben pola rúa Real, acompañando as imaxes. O Paso volve soar como unha música de réquiem.

Hai quen verá nas torres da nosa igrexa as tres cruces chantadas nun espido outeiriño de Xerusalén. Maldito Poncio Pilatos” [Ramiro Fonte: Os meus ollos, Vigo, 2003, p. 219].

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …