O Bloque Nacionalista Galego ven de rexistrar unha moción que será debatida no pleno de Ferrol a celebrar o vindeiro xoves na que piden que a corporación municipal amose a súa solidariedade cos traballadores despedidos das empresas que prestan o servizo de mantemento en NAVANTIA e para demandar a súa reincorporación inmediata ao cadro de persoal das empresas que estan a aprestar o servizo de mantemento contratado por Navantia, así como a esixir a Navantia que garanta o cumprimento dos dereitos destes traballadores e, polo tanto, asegure e esixa a reincorporación dos traballadores e a súa subrogación en novos procesos de licitación.
O BNG lembra que nos últimos días fíxose efectivo o despedimento de 15 persoas, 6 de INDASA e 9 da UTE TECMAN-RAYMA (estes últimos sen previo aviso), alegando motivos económicos, e xusto no momento no que se están a producir as negociacións entre ámbalas dúas empresas e Navantia para prorrogar os contratos en vigor. O actual cadro de persoal de mantemento foi contratado no seu día pola UTE FERROVIAL- ELINCO, e polo tanto dimensionado no ano 2016, non existindo daquela unha ocupación do estaleiro maior da que vai a padecer durante os vindeiros dous anos. Este persoal gañou, posteriormente, o dereito a ser subrogado coa negociación do convenio do metal.
Estes novos despedimentos súmanse aos que se teñen producido noutras empresas que prestan servizo como auxiliares de Navantia na ría de Ferrol «volve a poñer en evidencia continuas amortizacións de postos de traballo que se están a producir no sector naval da nosa comarca«.
O BNG considera que unha vez más volve a sair á luz pública o «desprezo e as mentiras que leva soportando o naval ferrolán nas últimas décadas. A falta de carga de traballo é unha condea que levamos padecendo ao longo dos 40 últimos anos, sometidos a engano tras engano, constante e permanente. O último ten que ver cun plan industrial que xa está a provocar un novo proceso de reestruturación no principal sector produtivo da cidade«.
Para os nacionalistas «puxéronnos a cenoira das F110 diante para xustificar o desmantelamento do estaleiros en Ferrol a través dun novo proceso de reestructuración, que supón unha reducción do 25% do plantel e confirma o confinamento da construción naval pública ao nicho do sector militar«.
O BNG na súa moción tamén solicita que o Pleno do Concello de Ferrol inste ó Goberno do Estado, a Xunta de Galicia e a Dirección de Navantia para que leven a cabo todas as xestións precisas para dotar de carga de traballo aos estaleiros da ría de maneira imediata «co obxecto de rematar co baleirado de gradas intencionado que se leva producindo nos últimos anos. A denunciar o confinamento ao sector militar e a reestructuración que implica o novo Plan Industrial de Navantia e esixir a incorporación ao plantel de Navantia de cando menos o 100% dos postos de traballo que se pretenden amortizar co mencionado Plan Industrial«.