Ferrolterra Antiga
Dende hai tempo se ven observando que unha serie de localidades galegas da costa setentrional lembran e celebran a pegada que deixaron aqueles que se lanzaron alén do mar coa fin de procurar novasoportunidades nas boiantes economías das Américas a comezos do s. XX.
Lóxico é que o interese relacionado coa migración estea ligado ás comunidades asentadas dende a Mariña, pasando polo Ortegal, até chegar ó Golfo Ártabro; dado que foron dende estas onde se deu un auténtico transvase de homes cara países coma Cuba ou Arxentina.
Os motivos fundamentábanse en grande medida na problemática da exención dos foros, sendo a
migración unha oportunidade de poder volver no futuro cós cartos precisos para a compra da terra; sen
quitar aqueles casos de suxeitos atraídos polas oportunidades de enriquecemento e medro social. Sexa
coma for, o que sen dúbida alimentaba esta liña entre América e Europa era o auténtico espallamento de
parroquias enteiras dende un lado ó outro do mar; conexións articuladas a través das misivas ós fogares
falando dunha auténtica “terra prometida”
As consecuencias non se tardaron en dar. Por un lado falamos do baleirado do agro e a perda de
aspectos culturais entre os emigrantes, entre os que podemos salientar a lingua propia. Polo outro, falamos da construción de toda unha serie de infraestruturas por parte daqueles que volveran enriquecidos da súa odisea. Non hai máis que atender ós centros instrutivos que aínda a día de hoxe se atopan espallados polo territorio. Nun ambiente xa urbano, outras construcións lémbrannos a pegada destes persoeiros, coma pode ser o Parque do Pasatempo de Betanzos; tristemente de actualidade polo seu abandono e progresivo derrubo.
Feita esta rápida mirada pola incidencia da migración na Galiza, aínda visíbel, cabe destacar que, se
concellos coma Ribadeo, Ares ou Betanzos subliñan a importancia dos ricos retornados coma impulsores
de todo un conxunto patrimonial, non é este o caso de Ferrol. Isto non se debe á falta de personaxes coas
características dos García Naveira, pois un edificio tan emblemático coma o Teatro Jofre foi rematado en
1892 grazas ó aporte monetario de Joaquín Jofre Maristany, quen forxara grande parte da súa fortuna na
Arxentina.
A pregunta é coma a nosa cidade, tendo este exemplo presente, non fala de arquitectura indiana
propiamente dita. As explicacións adoitan salientar o que é o estilo no que se construíron ditos edificios,
sen se fixar de onde viñeron os cartos precisos para a súa construción. Pode ser posíbel que, así coma
outros concellos teñen presente o papel xogado polos vínculos americanos, a nosa cidade non atende a
esta realidade histórica, quizais presa desa desconexión có entorno máis inmediato.
Por isto último, dende a nosa asociación chamamos a reforzar a perspectiva americana para tentar
desvelar e promover a orixe do capital que serviu para dotar ó noso concello de estruturas tan renomeadas
que nos axuden por fin a resolver onde se atopan os nosos indianos.