O Concello de Ferrol presenta alegacións ao plan de transporte da Xunta

Julián Reina en rolda de prensa | Concello de Ferrol

O Concello de Ferrol, a través da área de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe o concelleiro Julián Reina, vén de presentar varias alegacións ao Plan de Transporte Público de Galicia. En concreto, refírense a catro proxectos de liñas que finalizan na cidade: a XG817, que une Ferrol con Santiago, Vigo e co cuartel de Brilat, en Pontevedra; a XG843, Ferrol-Viveiro-Vilalba-Lugo; a XG871, Ferrol-A Coruña, por Ares, Mugardos, Chanteiro e Pontedeume; e a XG872, Ferrol-As Pontes, por A Capela e Moeche.

Tendo en conta a extensa área sanitaria de Ferrolterra, o Concello indica que “cómpre que as liñas que comunican Ferrol con Ares, Cabanas, Cariño, Cerdido, Fene, Mañón, Monfero, Mugardos e Ortigueira teñan algunha expedición que remate na zona hospitalaria, especialmente coincidindo cos horarios de entrada e saída laborais”. Isto afectaría ás liñas XG817, SG843 e XG871.

En canto ao proxecto de liña XG843, o documento remitido á Xunta de Galicia sinala que a duración dos traxectos entre Ferrol e Lugo por Baamonde é, respectivamente, de 2 horas e 13 minutos e de 2 horas e 16 minutos, “que non se axustan nin á duración actual deste traxecto (1 hora e 15 minutos por autovías) nin aos horarios laborais ou dos estudantes que poidan ir aos campus de Lugo ou Ferrol”. Por ese motivo, arguméntase, “cómpre que se revisen as expedicións de maneira que algunha delas sexa máis directa e axustada aos horarios laborais e dos estudantes”.

O Concello tamén se fixa en que nos proxectos de explotacións referidos a outras cidades galegas constan consideracións referidas a futuras estacións intermodales que indican que deberán reconfigurarse os itinerarios do transporte público cando estas infraestruturas entren en funcionamento. Por iso, e tendo en conta que actualmente está contratado o estudo previo da terminal de buses integrada na estación intermodal de Ferrol, solicita que se inclúa “unha cláusula similar para o caso deste concello”.

Por outra banda, faise constar que, tendo en conta que o prazo de explotación que propón o proxecto é de dez anos, é necesario sinalar que Ferrol está a revisar o seu Plan Xeral, “no que se prevén varios nodos de intercomunicación”, e tamén vai contratar o seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), “polo que unha vez que estes documentos estean vixentes sería necesario que estas liñas se adecuasen aos nodos de intercomunicación e os sentidos de circulación que determinen os plans”.

Por último, o Concello indica que estes proxectos de execución a dez anos vista “deberán ter en conta a flexibilidade de cambios futuros que supoñen os servizos de primeira necesidade, área sanitaria e centros educativos, administración, etcétera, para posibilitar a modificación dos contratos correspondentes no caso de que fose necesario”.

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …