Conclúen os traballos de recuperación do dique de mareas da Cabana

María Teresa Deus e Julián Reina visitando o dique da Cabana trala restauración | Concello de Ferrol

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, e a concelleira de Emprego, María Teresa Deus, visitaron esta mañá o dique de mareas da Cabana, onde veñen de rematar os traballos de recuperación deste espazo singular de Ferrol. Os responsables dos dous departamentos municipais que interviñeron nesta actuación estiveron acompañados por membros dos equipos técnicos que participaron na restauración, que lles explicaron en que consistiron as obras que se levaron a cabo ao longo dos últimos meses, froito da colaboración entre o Concello de Ferrol e a Xunta, e que contaron con financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) ao abeiro dunha subvención da Consellería do Mar dentro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte. Os traballos foron adxudicados en xullo do pasado ano por 163.108 euros (IVE incluído).

Antonio García-Lastra, un dos arquitectos que se encargaron da redacción do proxecto, explicou durante a visita que, antes de comezar as obras, o dique encontrábase cuberto de lodo ata unha altura considerable que impedía ver os fondos. Ademais de retiralos, limpouse toda a zona, recuperáronse as pezas que había e construíuse un tinglado con estrutura de madeira e cuberta de tella. Tamén indicou que había un recheo que cubría parte da antiga grada do estaleiro e que agora acaba de devolvérselle ao mar. Para García-Lastra, o dique, que data de finais do XVIII ou principios do XIX (non existen probas documentais que o acrediten exactamente), é case que único no mundo e representa un exemplo perfecto da arquitectura naval que desenrolaron os grandes enxeñeiros da Armada naquela época. Explicou tamén que estas instalacións estiveron ligadas ás empresas de correos marítimos que facían a ruta das Indias e que no recinto houbo unha fábrica de luz e outra de gaseosas, aínda que o principal uso que tivo ata principios do século XX foi o de estaleiro.

Futuro plan de usos

O concelleiro de Urbanismo asegurou que, finalizadas as obras, o que urxe agora é «poñer en valor un dos tesouros que ten a cidade», xa que, insistiu, trátase dun «espazo único no mundo neste estado de conservación». Julián Reina anunciou que o Concello está a traballar xa para definir o plan de usos canto antes, porque, dixo, dilatar no tempo este tipo de actuacións soe significar que o patrimonio recuperado volva ao estado de abandono anterior, «e non imos permitir que iso pase», remarcou. Reina lembrou que o dique de mareas da Cabana forma parte da candidatura de Ferrol Patrimonio Mundial e quixo aproveitar a visita para invitar ao todos os vecinos e veciñas de Ferrol, tanto como de toda Galicia, a gozar deste espazo único. «Merece moito a pena pasar por aquí para velo», insistiu. O edil destacou tamén como unha novidade «relevante» o feito de que, durante esta restauración, en lugar de roubar espazo ao mar, «recuperouse lámina de auga», algo que ten poucos precedentes na ría ferrolana. Os técnicos cuantificaron esa superficie en torno aos 500 metros cadrados.

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …