TEGA e PSOE pechan un pacto para gobernar no Concello de Narón durante os vindeiros catro anos Narón

O equipo de goberno de Narón no mandato 2019-2023 contará cun total de trece edís tras pecharse o pacto de goberno entre Terra Galega, partido maioritario con dez concelleiros e o PSOE, que obtivo tres edís nas eleccións municipais celebradas o pasado 26 de maio. No pleno de investidura, celebrado o pasado 15 de xuño, os socialistas apoiaron a investidura de Marián Ferreiro como alcaldesa, tal e como anunciaran previamente.

Tralas conversas que se sucederon nas últimas semanas entre representantes de ambas formacións, TEGA e PSOE gobernarán na cidade, asumindo as diferentes áreas que se darán a coñecer no pleno que se celebrará no Concello mañá ás 18.00 horas. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o secretario xeral de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, e o portavoz do PSOE, José David Pita Breijo, rubricaron esta mañá o acordo no Concello nunha xuntanza na que tamén estiveron presentes o responsable local de TEGA, Ibán Santalla, e os edís socialistas Catalina García e Santiago Galego.

Ao equipo liderado por Marián Ferreiro en Narón sumaranse os edís socialistas David Pita, Catalina García e Santiago Galego, dando continuidade a reeditar un acordo de goberno que se mantén na cidade cos socialistas dende o ano 2011. Ferreiro valorou o pacto incidindo no feito de que “permitirá dar continuidade a proxectos que xa están en marcha e impulsar outros novos nos que coincidimos TEGA e PSOE e de cara a mellorar a calidade de vida e a oferta de servizos e ocio das naronesas e naroneses, que seguirán sendo prioritarios nas políticas do equipo de goberno”.

Liñas programáticas

As dúas formacións fixaron unha serie de liñas programáticas que marcarán o traballo dos vindeiros catro anos na cidade, tendendo a man ao resto de grupos políticos da corporación local para sumarse a este proxecto de futuro aunando forzas para levar a cabo as diferentes propostas. Entre as mesmas, tal e como se explicou, continuarase avanzando en políticas de progresividade dos tributos, para que ao igual que se fixo nos últimos anos, as familias con menos recursos poidan seguir acolléndose ás diferentes bonificacións de taxas e impostos municipais. Así mesmo, seguirase apostando pola humanización de barrios, a aprobación do PXOM, o saneamento da zona rural -negociando con administracións supramunicipais a concesión de financiamento para continuar avanzando nesas obras- e solicitando á Xunta a construción na cidade dun Centro Integrado de Formación Profesional, un novo colexio no Alto –ao tempo que se manterá a potenciación das escolas rurais- e unha residencia pública para persoas maiores.

A aposta polo sector empresarial na área dos emprendedores e das firmas xa asentadas en Narón, a maiores da súa promoción estudando a creación dun viveiro de empresas e industrias para emprendedores e profesionais autónomos; e impulsar novas iniciativas sobre perspectiva de xénero, constituíndo unha mesa local de coordinación institucional contra a violencia de xénero formarán tamén parte do traballo do bipartito naronés.

A alcaldesa da cidade destacou as coincidencias manifestas entre Terra Galega e o PSOE en canto á visión do futuro da cidade, asegurando que nestes catro anos “Narón continuará avanzando cun equipo de goberno sólido e no que primará o diálogo co obxectivo de, entre todas e todos, levar a cabo as mellores accións para as nosas veciñas e veciños”.

 

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …

Un comentario

  1. Es increíble que Catalina tenga secuestrado el PSOE en Narón solo para chupar ella «su» dedicación exclusiva