Ricardo Carballo Calero, tamén coñecido como Carvalho Calero, podría ser o homenaxeado na conmemoración das Letras Galegas do próximo ano. Á falta de ratificarse no pleno da Real Academia Galega, que se celebrará en breve, de momento existen dúas propostas impulsadas por grupos diferentes de académicos en apoio á figura do ferrolán para ser o protagonista do 17 de maio.
Segundo trasladaron a Europa Press fontes consultadas, unha destas propostas conta co apoio duns trece académicos, entre eles a actual executiva da institución, mentres que outra está impulsada polos membros do plenario que levan seis anos presentando a candidatura de Carvalho Calero e defendendo a súa importancia como personalidade literaria digna desta homenaxe. Precisamente, este grupo de académicos trasladou certo malestar por este xiro da dirección da Academia, que interpretaron como un intento de desviar a atención sobre a exclusión do intelectual ferrolán da homenaxe das Letras nos últimos anos.
Esta situación levou este colectivo a facer público un comunicado para divulgar o seu punto de vista sobre esta cuestión, asinado polos académicos Francisco Fernández Rei, Manuel González González, Chus Pato, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Rivas Barrós e Xosé Luís Regueira Fernández.
«Fontes da Academia referíronse publicamente ás dúas propostas como a «minoritaria» e «maioritaria». En realidade son, por unha banda, a proposta que se fai por sexto ano consecutivo, e, por outra, o proposta froito da presión externa e interna, que ten como finalidade principal impedir que un grupo de académicos leven o mérito de presentar a Carvalho por criticar o rumbo que lle imprime á RAG a súa actual Executiva», denuncian.
Ademais de reprochar que se usase a figura de Antonio Fraguas, cuxos méritos «son innegables», coa intención de «seguir postergando e marxinando» ao ferrolán desta efeméride, este grupo de académicos manifestou que entre os promotores da proposta «maioritaria» se atopaba algún membro do plenario que «se opuxo radical e combativamente» á elección de Carvalho Calero e que «hai só un ano» consideraba que «sería un atentado contra a lingua galega».
Os promotores deste comunicado celebran, a pesar diso, que «por fin Ricardo Carvalho Calero teña o xusto e merecido Día das Letras Galegas» e non cuestionan «en absoluto» a «legalidade» da proposta alternativa a favor da figura do ferrolán. Así, reivindicaron o «inmenso traballo» de Carvalho Calero como «crítico, ensaísta e creador literario», e tamén por encarnar os valores do «antifascismo e o galeguismo«. «Somos conscientes da opción reintegracionista que defendeu Carvalho desde mediados da década de 1970, pero consideramos que a Academia non debe temer o debate normativo», sinalan.Riardo Carvalho Calera podría ser o homenaxeado nas letras galegas 2010