Presentación en Mondoñedo de «Al Rey de los Ángeles», de Ramón Loureiro

José Fonte Sardiña

 Ramón Loureiro presentou en Mondoñedo, onde empeza a súa marabillosa viaxe cos Reis Magos na noite máxica do cinco ao seis de xaneiro, «Al Rey de los Ángeles», e culminou así unha xeira que comezara o luns na Semana do Libro de Compostela, na Quintana, ao pé da catedral; alí me asinou o autor o meu exemplar do libro e atopei ao profesor Anxo Tarrío, antes de que aparecese, como todas as noites, a lendaria sombra do peregrino na praza. Que boa tarde pasamos!

A historia arrincara, naturalmente, como todas as cousas boas da vida, que diría o meu bo amigo Andrés López Calvo ―cura de Mera pola graza de Deus Noso Señor―, facendo o sinal da cruz, na igrexa parroquial de Santa Mariña de Sillobre, o día de San Ramón Nonato.

Nunha narración en primeira persoa, retranqueira, que a min me recorda decote a prosa galega de Cunqueiro e Cela cando escribían en castelán, Ramón Loureiro transita, mediante as lembranzas, os soños e a súa bagaxe cultural, polo pasado e o presente, nunha viaxe preparatoria do seu encontro cos Reis Magos que vén sendo unha sorte de Advento.

Unha das primeiras persoas da súa infancia que evoca o narrador en primeira persoa é o seu mestre en Sillobre, entre os seis e os dez anos, don Juan Sarmiento, a quen describe, ao meu ver con moito agarimo e precisión, como un home ao que lle gustaba navegar pola ría de Ares no seu barco, que viña a darlles clase cada día desde Pontedeume e que era unha persoa intelixente, bo guitarrista e de humor moi fino, amén de excelente debuxante ―arte e habelencia que, sen dúbida, leva tamén no sangue a súa filla Sandra―. Parece que don Juan, a súa muller, a profesora dona Isabel, e outros tres mestres espertaron en Ramón Loureiro o amor pola lectura, creando unha biblioteca no comedor da escola.

Nese Advento, no que escribir é coma correr, Loureiro vai atopándose, real ou figuradamente, con lugares fundamentais na súa vida, personaxes da infancia que aínda viven ou que xa deixaron este mundo, co neno e mozo que el foi, cos libros amados, con amigos cos que convive ou lembra e mesmo con personaxes importantes da historia de Galicia ou das súas novelas, e non deixa de comentar, de cando en vez, temas da actualidade que o desacougan e tamén algún que o enche de alegría.

Así e todo, a min, que queredes que vos diga, gustoume especialmente a súa visita á colexiata de Santa María da Coruña, no capítulo 52, titulado “Isla de Lejos”, no que se fala da Adoración dos Reis Magos do tímpano e se conta que as imaxes alí labradas se moven en canto collen confianza con aquel que as mira. Intrigado, ao día seguinte, decidín pasar pola igrexa de San Fiz de Solovio e, malia que Santiago de Compostela non ten a luz das cidades asolagadas que Cunqueiro lle atribúe á Coruña, despois de contemplar devagariño a epifanía policromada do seu pórtico, puiden comprobar que os personaxes picheleiros alí representados se moven e actúan como di o narrador que o fan os cascarilleiros. E aínda hai quen di, miñaxoia, que Melchor, Gaspar e Baltasar non son magos.

Pasado este Advento, o narrador contempla en Mondoñedo o nacemento, como en cada Nadal, do Rei dos Anxos, e comeza unha vez máis a viaxe dos Reis Magos, os primeiros peregrinos da cristiandade, seguindo a estrela para adorar ao Neno Xesús. O cinco de xaneiro chegarán a Mondoñedo para comezar, acompañados de Ramón Loureiro, a quen lle regalan un pergameo co título de Marqués de Escandoi, a cabalgata da noite de Reis na que repartirán, desde a carroza que León de Bretaña lles preparara, os agasallos polos lugares da infancia do narrador e chegarán á casa do Forno de Pedre. “Gracias a Dios estoy otra vez entre los míos […]. Mi viaje ha terminado”.

 

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …