No pasado mes de abril estremecíamonos ao ver Notre Dame asediada polo fogo. As tremedas imaxes do lume consumindo a afamada catedral parisina conmocionaron o sentir da opinión pública; e non era para menos, pois o vermello mar de lapas ameazaba con esvaecer, tal se nunca tivera existido, non soamente un importante ben patrimonial, senón todo un símbolo da cultura occidental e do xenio creador da humanidade.
Fomos testemuñas da agónica loita de aquela impoñente catedral, refuxio do inadaptado campaneiro e das ardentes pasións do maquiavélico Frollo, a cal, moitos de nós, unha vez, achegámonos de cativos a través daquela pioneira , aínda que inexacta, reconstrución feita por Disney. Na nosa mente a lembranza do funesto destino, tamén selado a fogo, do Museo Nacional de Brasil; máis terrible neste caso polo baleiro irreparábel deixado pola perda do patrimonio e testemuños históricos que nel se cubillaban.
Asistimos, pois, a destrución retrasmitida de Notre Dame, da mesma forma que o fixéramos cos ataques iconoclastas e memoricidas do ISIS, e, de semellante forma, as imaxes de tanta destrución viralizáronse.
Se ben, existe outro tipo de destrución máis silenciosa e máis invisíbel, pois non se prodiga con tanto énfase nos medios de comunicación nen nas redes sociais. Trátase dunha ameaza constante ao amparo da pasividade, cando non complicidade, das administracións, pero tamén dunha sociedade que non sabe valorar o seu patrimonio cultural. De cando en cando conxúrase na forma de mámoa esnaquizada pola maquinaria da industria da madeira, exemplo disto o tivemos nos montes de Brión ou Mougá. A especulación urbanística, filla dun progreso e crecemento irresponsábel, é unha vella inimiga do noso patrimonio e da nosa identidade, desfigurando e eliminando a esencia das nosas vilas, caso de Ares, exemplo do crecemento insostíbel.
A súa pegada atopámola nos centros históricos de Ferrol ou Cedeira. O desleixo e abandono tamén cóbranse co tempo as súas vitimas, é de esperar que nalgún momento os restos da vella igrexa de Doso (Narón) colapsen. Por morto deron ao Ideal Cine Zárate dende o Concello de Mugardos, se ben, houbo quen abertamente, como a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, opuséronse a mínima insinuación de derrubo. Opción finalmente desbotada, apostándose, felizmente, pola rehabilitación.
Non correu tan boa sorte a Vella Fábrica de Lapis en Ferrol Vello, onde un triste soar baleiro fálanos de castelos construídos no ar. E, precisamente, como un nubeiro levado polo vento, cínguese sobre nós a ameaza do despoboamento, que todo o destrue, froito da falta de perspectivas de futuro e do envellecemento da poboación.
O Zárate non terá a importancia patrimonial ou simbólica como para encher xornais ao redor do mundo, pero para unha pequena comunidade asentada a beira do Golfo Ártabro, e a certa escala, pode que teña tanta o máis importancia que a máis afamada das catedrais góticas do mundo, pois forma parte do seu legado histórico, e, mesmo, é o testemuño material dun fenómeno tan relevante na historia galega como o da emigración e dos aportes indianos.
Nestes días vimos como o legado e o recordo dos nosos devanceiros pode desaparecer nun intre . En París constatamos a vulenerabilidade do noso patrimonio. Afortunadamente Notre Dame salvouse da queima, está por ver se ocorre o mesmo co patrimonio cultural de Galicia.