O BNG de Ferrol presentou en rolda de prensa o seu programa electoral de cara aos vindeiros comicios electorais que terán lugar o 26 de maio. O candidato á alcaldía, Iván Rivas, incidiu en que se trata do único texto que explica de onde se van obter os recursos para desenvolver as propostas que se recollen no programa. “Estamos diante dun programa electoral que o que precisa é contar cun Goberno coa suficiente determinación para que tome decisións que fagan que Ferrol teña unha transformación sustancial de cara aos próximos catro anos”, afirmou o voceiro do BNG de Ferrol.
Hai 5 ideas prioritarias que estructuran o programa electoral dos nacionalistas, que ten coma obxectivo rematar cos abusos que os veciños e veciñas desta cidade levan tanto tempo padecendo.
O primeiro baséase na necesidade de recursos que ten Ferrol. «A falla de ingresos é un problema estructural que cómpre darlle solución de forma inmediata. En Ferrol, como xa temos dito en varias ocasións, non somos todos iguais. O Ministerio de Defensa, a Autoridade Portuaria, Navantia e a Igrexa non pagan os impostos que pagamos os demais. É fundamental que se remate cos privilexios duns poucos que se manteñen a costa da maioría”, apuntou Rivas. Ferrol é unha cidade que non chega aos 70.000 habitantes e que se sostén exclusivamente co esforzo dos veciños e veciñas, «a pesar de que hai administracións públicas ou empresas como Navantia e Emafesa que deberían contribuir aos recursos económicos que permitan encarar o futuro da cidade con dignidade«.
A segunda idea pasa por recuperar a cidade. «Ferrol actualmente non é das veciñas e veciños«. Ten o 20% das vivendas baleiras e con algúns barrios en ruina. Aínda así, «o resto de organizacións políticas están a avalar proxectos especulativos como o que se pretende facer no Sánchez Aguilera. Dende o BNG comprometémonos co crecemento urbanístico cero. Isto non supón impedir a construcción de vivenda nova pero sí o desenvolvemento de novos solos urbanizables”, explicou o candidato. É preciso ademais ter en conta que o 20% do solo urbano da cidade está ocupado polo Ministerio de Defensa, «polo que tamén é preciso recuperar terreos que pertencen aos veciños e veciñas de Ferrol e que lle foron negados durante tantos anos. Refírome aos terreos que hai detrás da muralla do Arsenal. Non consiste en ver o mar, consiste e acceder a el e incorporar todos eses terreos á trama urbana de Ferrol”, indicou Rivas.
A terceira idea ten que ver coa necesidade destinar o diñeiro dos ferroláns aos ferroláns. «Nesta cidade levamos moito tempo gastando millóns e millóns de euros por queimar o lixo en Sogama, por sanear a mala xestión da empresa Emafesa e o que nos queda, vai directamente a pagar os préstamos que se contrataron por parte doutros gobernos municipais, co único obxectivo de converter a débeda privada das financeiras en débeda pública, no proceso de austericidio económico que implementou o PP en 2012 coa chamada Lei de Estabilidade. Ante este marco estatal, cómpre asumir unha política económica que vaia contra estas decisións. Isto pasa por asumir que a xestión dos servizos esenciais debe ser pública, xerar emprego será máis económico e ademais nos permitirá contar con recursos para investir nos veciños e veciñas. Outro dos obxectivos: o superávit cero”, indicou o candidato á alcaldía.
A cuarta idea pasa por converter Ferrol nunha cidade sustentable, tanto dende un punto de vista económico como medioambiental. «A relación que existe entre compacidade e densidade en Ferrol é unha das principais vantaxes. A sustentabilidade se basea fundamentalmente en que esa relación sexa equilibrada e as cidades medias como a nosa teñen todas as posibilidades para poder acabar eses obxectivos. Neste sentido, o lixo debe desenvolverse en base a criterios de reciclase e compostaxe no canto de seguir incinerando os residuos en Sogama. A electricidade ten que ser un ben básico e para iso hai que empezar a cobrarlle taxas e impostos ás comercializadoras que ocupan o solo público e con eses recursos poder financiar axudas para que ningún veciño ou veciño poida non ter acceso a unha necesidade básica como é a enerxía. Mentres, o transporte público non só debe orientarse dende un punto de vista para mellorar a mobilidade e a conexión entre os barrios de Ferrol, senón como unha maneira de reducir a contaminación. É preciso ter en conta ademais que a cidade se compón de espazos como a ría, que cómpre poñer en valor mediante a limpeza dos seus fondos, eliminando barreiras artificiais coma o peirao carboeiro e impedindo que outros proxectos que se pretenden desenvolver continúen a empeorar a súa capacidade de rexeneración, como no caso do acceso ao porto exterior. Doutra banda, a política forestal no Concello de Ferrol debería rexenerar o monte con especies autóctonas, asumindo a sustitución do eucalipto e de especies invasoras, con axudas e subvencións aos particulares para que tamén o fagan«.
Por último, cómpre facer a cidade atractiva para poder aumentar a súa poboación. Para iso Ferrol ten a potencialidade, con 1.000 vivendas públicas «que nos permitirían resolver unha das primeiras demandas: o acceso á vivenda. E temos tamén a capacidade, a través da xestión pública dos nosos servizos, para crear emprego. Debe ser unha prioridade facilirarlle á xente de fóra que se asente na cidade. Exclusivamente con ferroláns é imposible que poidamos encarar a recuperación demográfica dunha cidade que leva tanto tempo nun proceso de perda constante de poboación”, concluiu Rivas.