Mato establece o saneamento do rural como un «compromiso irrenunciable»

Fot Adán Puentes

O rural leva moitos anos demandando obras de saneamento e o meu compromiso irrenunciable pasa por traballar coa Xunta para poder acometer as actuacións necesarias que rematen cunha demanda histórica da veciñanza”. Así se manifestaba esta mañá o candidato socialista á alcaldía de Ferrol, Ángel Mato, que presentou algunhas das propostas máis relevantes relativas á zona rural de concello.

E o saneamento é, sen dúbida, a principal intervención que o rural precisa, unha vez, ademais, que a zona urbana xa ten rematada a tamén “faraónica” obra da depuradora. Por iso, o cabeza de lista do PSdeG-PSOE ten incluido este punto nos “10 acordos de cidade”, presentados a pasada semana, xa que, como destacou, “se trata dun dos temas estratéxicos que ten Ferrol para poder afrontar o seu futuro e, polo tanto, precisa do consenso das forzas políticas para poder sácalo adiante á maior brevidade posible”.

De feito, Mato lembrou que o Concello ten que traballar da man da Xunta de Galicia para obter os fondos e desenvolver o proxecto que poña fin a unha demanda que levan reclamando varias décadas os veciños e veciñas dos diferentes ámbitos do municipio que aínda nos dispoñen deste servizo básico.

O mantemento da zona rural é outro dos compromisos da candidatura socialista. A este respecto, Ángel Mato destacou que a falta de atención a cuestións “básicas”, como o coidados dos parques e espazos de lecer, dos camiños e estradas –firmes e beirarrúas-, dos puntos de luz e, sobre todo, dos desbroces, é unha constante das queixas veciñais, tal e como lle trasladaron ao longo destes meses nas reunión desenvolvidas coas entidades das diferentes parroquias ferrolás. Por iso, o candidato socialista apostou por recobrar e normalizar os servizos como uno dos seus primeiros obxectivos, no caso de que o 26 de maio acade a maioría cidadá para gobernar Ferrol.

Ademais de manter en bo estado os espazos públicos, Mato anunciou o seu compromiso de descentralizar a cultura e o deporte, de modo que a celebración de actividades e eventos deportivos non se limite a unha única zona, senón que todos os barrios, lugares e parroquias de Ferrol conten cunha oferta de lecer que as faga atractivas e que, fundamentalmente, axude a dinamizar o municipio na súa totalidade. Obras de teatro, actuacións musicais, contacontos, campionatos de deporte de base ou rutas de sendeirismo ou bici son algúns exemplos de actividades que se poden desenvolver e mesmo levar a cabo de forma itinerante por parroquias para promover a participación veciñal en todas as idades.

Finalmente, aproveitar a enorme riqueza que ten o rural, cun patrimonio natural e histórico inmenso, é outro dos obxectivos de Ángel Mato. Avanzar na ampliación do carril bici e no seu mantemento, traballar na posta en valor do patrimonio e na súa difusión dentro e fóra na nosa cidade, fomentar e potenciar as rutas de sendeirismo, e coidar a nosa costa –os magníficos areais que temos e aproveitalos para a práctica de deportes náuticos e para promocionar un turismo sustentable- son algunhas das propostas do programa socialista que afectan á zona rural de Ferrol.

Lea también

Inauguración de la jornada Ferrol, motor de proyectos transformadores con impacto

El teniente alcalde de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, participó en la mañana de este jueves …