Hoxe, venres, o BNG participaba en dous actos representativos de dous dos aspectos nos que a formación ten como obxectivos prioritarios para o próximo mandato, «co fin de mudar a faciana de Ferrol encarando o futuro con optimismo, seguridade e determinación«.
Durante a mañá participaron na concentración desenvolvida pola plataforma Queremos galego en defensa da lingua e á tarde, despois do Encontro cos veciños e veciñas no local social de Valón en conmemoración do Día das letras galegas, «desenvolvimos unha xuntanza con diferentes asociacións da cidade que están a traballar co colectivo de migrantes de Ferrol».
A nosa lingua, única e universal, é unha potencia e unha oportunidade para esta cidade. «Para a gran maioría dos que se presentan a estas eleccións nin existe, é negada ou simplemente é un elemento decorativo a musealizar. Para nós é a forza que nos define e que nos abre portas para relacionármonos co moderno mundo de lusofonía e tamén da mestura e da contemporaneidade, que virán achegar esas persoas migrantes, coas que hoxe mantivemos un encontro no que lles quixemos abrir as portas do noso proxecto, para que sexan o aire novo que inunde Ferrol cos seus acentos, músicas e identidades«.
A creación dunha oficina de información ás persoas migrantes ou de recén chegada, o asesoramento xurídico, a programación de cursos de formación para este colectivo e a interacción con estas persoas a través de proxectos culturais e deportivos «son necesidades básicas para facer visíbel e poñer en valor a identidade dunha cidade que xa é múltiple e diversa e non quere ser en absoluto só española, só madrileña e unicamente inmobilista, como parecen proxectar a maioría dos aspirantes á alcaldía nesta cidade a xeito do máis rancio centralismo represor de toda creatividade«.
Nesta liña de traballo, ademais de todo isto, «é preciso que Ferrol teña en conta que o noso grave problema demográfico como cidade, que non se vai resolver cunha “pura raza ferrolá” porque vai ser de todo imposible. Estamos nunha situación de colapso demográfico e por tanto a nosa única opción de recuperación pasa pola acollida de persoas migrantes ou de chegada recente«.
Para iso cómpre que fagamos a cidade atractiva, fundamentalmente sobre dous aspectos.
1. Vivenda, e temos a materia prima, 1000 vivendas públicas que son a envexa de calquera Concello co mesmo problema.
2. Xeración de emprego con muncipalizacións.