Ferrol e a triste historia do Porto da Ilustración

 

Na súa errática andaina a prol do Patrimonio da Humanidade, o actual Concello da cidade quere por en valor a Ferrol como Porto da Ilustración. Algunhas entusiastas e encopetadas asociacións e foros culturais ferroláns, seguíndolle o xogo ao Concello e ao seu continuado fracaso na xestión deste tema, ultimamente se adican a convocar mesas redondas sobre o Patrimonio da Humanidade.

Segundo escribe Manuel Colmeiro na súa obra “Cortes de los antiguos Reinos de León y Castilla”, editada o ano 1861 en Madrid pola Real Academia da Historia, nas Cortes de Xerez do ano 1268, o rei Alfonso X o Sabio estableceu o primeiro ordenamento aduaneiro dos portos da Coroa de Castela. Nas devanditas Cortes autorizouse ao “porto de Ferrol” para o tráfico de mercadorías, xunto con outros portos galegos como Ribadeo, Viveiro, A Coruña, Padrón, Pontevedra e Baiona, o que indica unha certa importancia do tráfico portuario de Ferrol nunha data tan temperá como o devandito ano 1268.

 

Ao pasar do tempo, o porto ferrolán, primeiro utilizando os peiraos da Cruz en Ferrol Vello e o de San Fernando en Esteiro (ámbolos dous desaparecidos), e máis tarde o peirao de Curuxeiras, xa entrado o século XVIII, tivo diversos altibaixos, tanto na súa actividade comercial e pesqueira como porto de chegada de peregrinos do Camiño Inglés.

Durante o século XVIII unha importante preocupación dos Ilustrados foi o fomento do comercio. O ano 1764 estableceuse na Coruña a compañía estatal dos Correos Marítimos e o ano 1778 unha Real Cédula de Carlos III regulaba o libre comercio con América concedido a nove portos españois, entre eles Barcelona, Málaga, Tenerife, Xixón e A Coruña. Non obstante, non se incluíu o porto de Ferrol.

 

Desde entón, o Concello de Ferrol solicitou en varias ocasións a habilitación do comercio de seu porrto con América, mentres as mercadorías destinadas a Ferrol se desembarcaban noutros lugares. A pesares do interese dos ilustrados ferroláns como Caamaño y Pardo, Conde de Maceda, e de activos comerciantes de Ferrol, a maioría de orixe francesa, caso de Juan Lestache, Santiago Beujardín e Juan Lambeye, non se normalizou a situación ata o ano 1802.

Ese ano 1802 o Real Consello de Castela finalmente accedeu ás reiteradas peticións de Ferrol. O 18 de maio Manuel Godoy, Príncipe da Paz, informou ao Capitán Xeneral, Félix de Tejada, sobre a habilitación do Porto de Ferrol para “el comercio libre con las Américas en los mismos términos que los de La Coruña y Vigo”.

 

A súa vez, o seguinte 23 de maio, o ministro de Facenda, Bartolomé Soler informou a Diego Martínez de Córdoba, Gobernador Político-Militar de Ferrol, desta concesión. Deste xeito o Estado utilizou un dobre canal de comunicación, para transmitilas súas disposicións legais aos responsables dunha urbe como Ferrol, de carácter civil e militar.

Máis adiante, un exemplo de cidade ilustrada como era Ferrol do século XVIII, non logrou que dúas das institucións máis representativas da ilustración, o Real Consulado e a Sociedade de Amigos do País, arraigasen na urbe, como o fixeran na capital coruñesa ou en Santiago. Esta é en realidade a triste historia do porto de Ferrol da Ilustración.

Lea también

Nueva edición del concurso de empanadas de la Fiesta del Pan de Neda

Las personas que presenten las tres mejores llevarán vales de regalo para canjear en las …