A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, e o secretario e a tesoureira da Agrupación Veciñal de San Mateo de Trasancos, José Manuel García e Laura Fernández, respectivamente, presentaron este xoves os actos do programa conmemorativo do Samaín.
A cita terá lugar o vindeiro 31 de outubro no Centro Cívico Social de San Mateo de Trasancos e nas súas inmediacións e na organización da mesma colaboran o Concello e a citada Agrupación Veciñal de San Mateo.
A alcaldesa destacou o éxito desta convocatoria, que reúne cada ano na citada parroquia naronesa a centos de persoas de Narón e tamén doutros concellos da comarca. Así o corroborou José Manuel García, que recordou que o ano pasado acudiron a este evento algo máis de duas mil persoas.
A partir das 17.00 horas poderase visitar no local da agrupación veciñal a exposición de cabazas que decoraron nos centros escolares da cidade as nenas e nenos que participaron nun obradoiro específico impartido a través do Padroado da Cultura. Tamén a partir desa hora comezarán, baixo unha carpa instalada nas inmediacións do Centro Cívico de San Mateo, os obradoiros de cabazas e maquillaxe, aos que poderán asistir todas as persoas que o desexen durante toda a tarde, sen precisar inscrición previa. E para amenizar a xornada, a partir das 19.00 terá lugar un espectáculo músico teatral de Mamá Cabra, titulado Historias de Ultratumba.
Un ano máis completarán a programación a tradicional Comitiva de Luces e Tebras, que dará comezo sobre as 20.30 horas. Nese momento, coincidindo coa chegada da noite, as persoas que asistan percorrerán unha pequena ruta –de aproximadamente quilómetro e medio- polas inmediacións do Centro Cívico de San Mateo e portando candeas para recrear manifestacións da mitoloxía tradicional galega, concretamente relacionadas co mundo dos mortos. Os organizadores avanzaron que este ano se variou o percorrido con respecto a anteriores ocasións, pero incidiron en que “será por pistas asfaltadas e con tan só unha pequena subida, para que poidan acudir menores e adultos”.
O programa de actos continuará ás 21.00 co tamén tradiconal Obradoiro do Medo nas instalacións do colexio do CRA de San Mateo. Trátase dunha proposta da que desfrutarán os asistentes, que terán a oportunidade de vivir tenebrosas experiencias vencelladas ao Samaín. Pechará a cita o Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, que tocará varias pezas de música tradicional.
A cita terá como cada ano un apartado gastronómico, xa que polo prezo simbólico dun euro poderase degustar –ata esgotar existencias- unha cunca de caldo elaborado por veciños da parroquia, acompañado de liscos, pan e bebidas.
Os representantes da Agrupación Veciñal de San Mateo agradeceron a colaboración do Concello de Narón para poder seguir desenvolvendo o Samaín na súa parroquia. Pola súa banda, tanto a alcaldesa como a concelleira de Cultura destacaron o labor que ao longo do ano leva a cabo este colectivo e convidaron á cidadanía a asistir o vindeiro mércores a desfrutar do programa de actos do Samaín de San Mateo.